Rouban datos persoais de milleiros de usuarios de Ticketmaster

xoves, 28 de xuño do 2018 Marcus Fernández

O pasado sábado a versión británica de Ticketmaster detectou software malicioso nun produto de atención ao cliente de Inbenta Technologies que integran no seu sistema, polo que procederon á súa desactivación. Tras analizar a situación consideran que poderían verse afectados usuarios que mercaran na páxina web británica entre febreiro e xuño de 2018, así como usuarios internacionais entre setembro de 2017 e xuño de 2018. En calquera caso aseguran que os usuarios afectados recibiron un correo electrónico advertíndoos da situación, ou sexa, que quen non recibise notificación algunha podería estar tranquilo.
Os usuarios afectados precisan mudar o seu contrasinal e, ante a posibilidade de que se subtraesen os seus datos de pagamento, Ticketmaster ofrécelles de balde un servizo de monitorización durante 12 meses, á vez que recomendan revisar as operacións nas súas tarxetas bancarias por se detectan algunha actividade sospeitosa.
Este incidente está a resultar especialmente alarmante polo feito de que o banco dixital Monzo tería advertido a Ticketmaster do problema de seguridade o pasado 6 de abril, tras detectar que dos 50 clientes dos que tiveron que mudar as tarxetas bancarias por transaccións sospeitosas, 35 terían realizado operacións en Ticketmaster nos 5 meses anteriores.
Dende España, FACUA-Consumidores en Acción xa denunciou ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) á filial española de Ticketmaster, reclamando sancións contundentes por esta subtracción de nomes, correos electrónicos, números de teléfono e información de tarxetas bancarias de milleiros de usuarios. FACUA considera inadmisible a falta de dilixencia por parte de Ticketmaster, e insta aos afectados a denunciar ante a AEPD a Ticketmaster por vulnerar o tratamento dos seus datos persoais.

PUBLICIDADE