Rotundo fracaso da rede WiMAX compostelá

luns, 21 de setembro do 2009 Marcus Fernández

O pasado mes de abril comentamos que a rede WiMAX que pretendía achegar o acceso á Rede ao casto histórico de Santiago de Compostela carecía de clientes, e agora El Correo Gallego volve a analizar nas súas páxinas a situación actual deste servizo para descubrir que en 7 meses de funcionamento só conseguiu captar a 2 clientes.
Este proxecto conta cunha subvención de 360.000 euros por parte da Concellaría de Rehabilitación de Compostela, o que parece un investimento realizado sen facer un estudo previo da demanda que podería ter o servizo de conectividade sen fíos, especialmente ao ver os seus prezos, que son de mercado, polo que están igualados ou mellorados por outras compañías.
A velocidade deste servizo tamén é ridícula, de xeito que só tería sentido a súa contratación nun caso no que non houbese cobertura de cable, DSL e mesmo 3G, xa que as propias ofertas de banda larga móbil parecen máis atinadas que este servizo subministrado por Baudia, operadora que explota esta plataforma de acceso á Rede sen fíos.
Cómpre indicar que esta rede tamén serve para dar acceso á Internet de balde (15 minutos cada 2 horas) dende varias prazas compostelás (Obradoiro, Cervantes, Fonseca, Belvís, Mazarelos, Porta do Camiño, A Quintana, Praza de Abastos, Universidade e O Toural) a través de Wi-Fi, onde si conseguen un volume de usuarios razoable (o que parece moi relativo, pois falan de transferencia de entre 30 e 300 Mbytes/día, o que poderiamos considerar ridículo).
Sobre os motivos do fracaso desta infraestrutura de comunicacións, dende o Concello culpan ao envellecemento da poboación na que dan cobertura e no feito de que os mozos/estudantes viven de aluguer, polo que non lles compensa pagar unha cota de alta e tamén atopan acceso Wi-Fi de balde en moitas cafeterías. Non deixa de resultar curioso que estes datos tan evidentes non se tivesen en conta antes de lanzar un servizo que claramente non convence ao público ao que vai dirixido.

PUBLICIDADE