Román Rodríguez traslada á Comisión Europea o proxecto EdugalIA

mércores, 15 de novembro do 2023 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, vén de manter unha xuntanza de traballo en Bruxelas co subdirector xeral de Educación, Xuventude, Deporte e Cultura da Comisión Europea, Arturo Caballero, a quen lle trasladou o proxecto EdugalIA, cuxa finalidade é incorporar a intelixencia artificial á xestión educativa, o que convirte a Galicia na primeira comunidade autónoma en integrar esta tecnoloxía no ensino galego.
Román Rodríguez explicou que EdugalIA se centra tanto “no eido da aprendizaxe como no da xestión educativa” a través de “tres ámbitos prioritarios” que son a gobernanza para mellorar o sistema e atallar dinámicas como o abandono escolar, o expediente dixital único que recolla o tránsito dun alumno ao longo da súa vida académica e a relación coas familias facilitándolles información do seu interese en torno ao sistema educativo no que están os seus fillos.
No decurso da xuntanza, o titular de Educación puido intercambiar impresións así como coñecer de primeira man as liñas de traballo que se están desenvolvendo desde a Comisión Europea. Tamén expresou o seu agradecemento por ser recibido por Arturo Caballero, en cuxa dirección está integrada unha profesional galega da educación, Nair Carrera, que traballa na unidade de Educación Dixital, que xestiona o Plan de Acción de Educación Dixital e o conxunto de recomendacións do Consello sobre educación e habilidades dixitais que se espera sexan adoptadas o 23 novembro tras o proceso de negociación e diálogo cos estados membros.
Nesta reunión, o conselleiro tivo a oportunidade de reflexionar con Naír Carrera sobre o uso da Intelixencia artificial e os datos na educación que a Comisión Europea publicou en 2022. Ademais, seguindo as Recomendacións do Consello, a reunión serviu tamén para reflexionar sobre o papel da informática ou das ciencias da computación de forma transversal no ámbito escolar.
Pola súa parte, o subdirector xeral recibiu o proxecto EdugalIA e recoñeceu a súa aliñación cos obxectivos do Plan de acción de Educación Dixital e o uso da ferramenta SELFIE, da cal en Galicia xa teñen participado máis de 188.000 usuarios en aproximadamente 1.200 escolas galegas.
A adopción das dúas recomendacións do Consello sobre educación dixital e habilidades está prevista para o 23 de novembro, e Galicia está ben posicionada para implementar as prioridades estratéxicas do Plan de Acción de Educación Dixital 2021-2027, destacando iniciativas como Edudixtal 2030 e o Plan Dixital de Centro.

Colaboración coa European Schoolnet

Na súa visita á capital europea, Román Rodríguez tamén visitou a rede de 34 ministerios de educación, European Schoolnet, onde foi recibido polo responsable da Aula do Futuro, Tommaso Dalla Vecchia, con quen abordou a participación de Galicia en diferentes proxectos europeos como eTwinning ou Code Week (a semana da programación) entre cuxos retos está o uso eficaz das novas tecnoloxías no ámbito do ensino, mellorar a calidade da educación en toda Europea e promover unha dimensión europea na educación.
Este encontro serviu para reforzar os lazos coa European Schoolnet, con quen a Consellería de Educación mantén unha estreita relación desde hai anos a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) que certifica os seus cursos de formación do profesorado en liña (MOOC) así como co CIEDix
Cómpre lembrar que un dos proxectos máis destacados froito desta relación é a Aula Nova de Galicia, ubicada no CAFI, que forma parte da rede rexional de Future Classroom Lab de centros innovadores punteiros. A través do CAFI tamén se canaliza a colaboración en proxectos de formación e intercambio de boas prácticas, na Semana da Programación (European Code Week), un proxecto que busca traer a programación e o pensamento computacional á aula e as escolas desde idades temperás.

PUBLICIDADE