Román Rodríguez subliña a dotación de tecnoloxía aplicada nos centros de FP como aposta pola innovación

mércores, 14 de decembro do 2022 Redacción

Esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez visitou o Centro Integrado de FP Leixa, en Ferrol, onde estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, para coñecer a nova dotación tecnolóxica neste centro ao abeiro do programa Espazos de Tecnoloxía Aplicada cunha aula dental DentaLeixa 4.0 operativa desde o pasado mes de outubro.
Precisamente este é un dos 27 centros de toda Galicia (23 CIFP e catro institutos) seleccionados para o programa Espazos de Tecnoloxía Aplicada implantado por primeira vez o pasado curso pola Consellería de Educación co obxectivo de converter aulas tradicionais en espazos tecnolóxicos ao servizo da formación e da adquisición de competencias.

Aula DentaLeixa 4.0

Así pois, no marco deste programa, cun investimento de 77.000€ de financiación pública, o Leixa habilitou unha nova aula dental DentaLeixa 4.0, un espazo formativo que simula unha avanzada clínica odontolóxica equipada con tecnoloxías dixitais de última xeración.
Román Rodríguez subliñou que se trata dunha novidosa iniciativa que neste caso “supón unha ferramenta para mellorar a formación dos 300 estudantes que cursan ciclos formativos das familias de Sanidade, Servizos socioculturais e á comunidade e de Artes gráficas, estes últimos como beneficiarios indirectos”.
Ademais, destacou que este proxecto é un exemplo da “imbricación real” entre o mundo académico e o empresarial, posto que o espazo poderá ser utilizado tamén polos colexios de odontólogos, hixienistas e protésicos para actividades de formación continua na que tamén participarán os propios alumnos, así como por entidades e empresas a través de acordos de colaboración formativos. “Polo tanto, permite, sobre todo, achegar aínda máis as ensinanzas formativas á realidade laboral e produtiva”, abondou.

Prácticas bucodentais virtuais

O espazo de aula DentaLeixa 4.0 está composto dunha zona de entrada onde se ubica a recepción con mostrador e ordenadores conectados á rede do centro, un espazo de atención ao público, outro de traballo para traballar en grupo, en rede e impartir docencia, e unha zona de mesados para aparataxe, desinfección e esterilización de instrumental e armarios de ordenación.
No que atinxe ao equipamento, a aula conta cun simulador virtual de hixiene bucodental (onde se poden realizar prácticas virtuais relacionadas cos distintos módulos formativos), equipos dentais innovadores (cámaras intraorais integradas e pantalla de ordenador que permitirá realizar a exploración a través de dita cámara e posibilita a emisión no momento das imaxes na pantalla), Vita Easy Shade para a toma de cor de maneira obxectiva, precisa e reproducible mediante o software que incorpora, e sonda peritodontal inalámbrica (que en pacientes con enfermidade periodontal é capaz de medir a bolsa periodontal, a recisión xinxival, a placa bacteriana e o sangrado entre outros).
Na visita ao centro tamén participaron a coordinadora do Grao de Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, representantes do Colexio de Odontólogos, Hixienistas bucodentais e protésicos de Galicia, da ONG Odontoloxía Coruña e do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol.

PUBLICIDADE