RockPlayerBase permite reproducir vídeos en DivX, XviD, MKV e RMVB en Android

mércores, 23 de xuño do 2010 Marcus Fernández

A reprodución multimedia nos smartphones normalmente está limitada a uns poucos formatos de vídeo, incluíndo aos móbiles con Android, pero iso pode solucionarse mediante aplicacións adicionais, coma RockPlayerBase, ferramenta que aínda non está dispoñible no Android Market, pero que circula pola web a xeito de versión de proba, e que sorprende por ser capaz de reproducir con bastante soltura vídeos en XviD, DivX, MKV, MP4 e RMVB.
Polo momento o RockPlayerBase só funciona en Android 2.1 ou superior, e a taxa de imaxes por segundo que consegue depende moito da compresión e a resolución dos vídeos cargados, de xeito que non hai que esperar un bo desenvolvemento de clips en alta definición, aínda que os vídeos con calidade televisiva estándar poden reproducirse con bastante calidade.
Como estamos ante unha versión de proba, non é de sorprender que algún vídeo presente fallos de visualización, erros de sincronismo no son ou mala detección da súa relación de aspecto, detalles que é de agardar que pulan de cara ao lanzamento da versión definitiva do que promete ser un grande reprodutor para Android.

PUBLICIDADE