Roberto Vidal Bolaño xa conta cun apartado de seu na web da Real Academia Galega

martes, 30 de abril do 2013 Redacción

Con motivo da celebración neste 2013 do Día das Letras Galegas, a figura elixida de Roberto Vidal Bolaño estase a espallar tamén pola Rede. A Real Academia Galega (RAG) non podía ser menos, e abriu recentemente na súa web unha sección adicada en exclusiva ao polifacético artista compostelán incluída no apartado Letras Galegas, no que se atopan todos os persoeiros aos que se lles rendeu homenaxe cada 17 de maio dende o ano 1963 (data da primeira celebración), coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, escritora coa que se inauguraba esta festa.
Na páxina en cuestión atoparemos unha morea de recursos vinculados a Vidal Bolaño, dende a súa vida, até o percorrido pola súa obra e bibliografía e unha listaxe de ligazóns que levarán a diversos aspectos do homenaxeado das nosas Letras neste ano, como son: o Caderno Pedagóxico sobre As Actas Escuras, un fragmento da representación de A burla do galo, o texto Perspectivas do teatro galego actual e a páxina web do Seminario Galán. Asemade, tamén hai lugar neste site para as propias verbas do artista, recompiladas nesta entrevista a Roberto Vidal Bolaño incluída na revista Mapoula do curso 97-98, elaborada por alumnos do Instituto de Ensino Secundario Adormideras, da Coruña. Na presenza en liña da que falamos atoparemos expostas diferentes visións sobre o dramaturgo froito do traballo que ven publicando a RAG dende finais de 2012 baixo o título de Respostas ao Cuestionario Roberto Vidal Bolaño de representantes do mundo da cultura galega como Laura Tato Fontaíña, Alfonso Becerra, Mónica Camaño, Avelino González, Dolores Vilavedra, Roberto Pascual, Antela Cid, Francisco Xosé Fernández Naval, Pilar García Negro, Manuel Outeiriño, María do Cebreiro Rábade Villar, Xulio Lago e Paco Martín.
Por último, salientar que este espazo contén un texto biográfico asinado por Antón Dobao, unha escolma de títulos representativos da obra de RVB e unha entrevista na que Paco Macías (editor das obras completas de Vidal Bolaño en Edicións Positivas), comenta algúns aspectos da devandita edición e sitúa a RVB como “o gran dramaturgo da historia do teatro galego, e como un dos grandes escritores da literatura galega”. Máis de actualidade que nunca: “Despois de anos de silencio é agora cando por fin se recollen as redes que el lanzara no mar rosaliano”.

PUBLICIDADE