Rick Astley candidado a mellor artista da historia nos MTV Europe Music Awards por mor dunha broma na Internet

venres, 3 de outubro do 2008 Marcus Fernández

O vídeo de Rick Astley en YouTube superou os 10 millóns de reproducións

A entrega dos premios europeos da MTV que se celebrará en Liverpool o 6 de novembro vai contar cun participante inesperado, pois nunha categoría elixida por votacións a través da Internet xunto a U2, Britney Spears, Christina Aguilera, Green Day e Tokio Hotel apareceu o cantante Rick Astley por mor de que o videoclip da canción Never Gonna Give You Up está a empregarse a xeito de broma nun fenómeno coñecido coma Rickrolling, consistente en remitir a un internauta ao vídeo musical en cuestión dándolle a entender que se trata doutro tipo de contido, acumulando preto de 11 millóns de reproducións en YouTube pese a que o tema é de 1987.
A canción xa fora nº 1 en Reino Unido e outros 15 países, pero un recoñecemento tan tardío a esta figura do pop dos anos 80 podería ser toda unha sorpresa de conseguir superar como mellor artista da historia a grupos e interpretes con carreiras en activo e éxito internacional mentres que Astley case quedou no esquecemento e foi unha broma na Internet a que o devolveu á actualidade internacional.

PUBLICIDADE