Ribeira recunca en outubro coa súa festa dixital para a mocidade

luns, 19 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Semella que Ribeira vai estrear a súa Casa da Xuventude en clave dixital. Segundo se fai saber en La Voz, o devandito centro social, ao que moitos xa non lle vían trazas de converterse en realidade, ben fose polos adiamentos na construción, ben fose polas inundacións e estragos que sufriu, bota a andar este mes de outubro coa segunda edición da festa informática para a mocidade Uxíanet 1.1, un encontro que se insire no modelo de partys lan que todos coñecemos pero coa gran vantaxe de chegar nun intre en que se desexan coma auga de maio: o intre post-vacacional.
En definitiva, do que se trata é de pór a disposición da mocidade local e galega un espazo con acceso á rede de alta velocidade onde poder intercambiar datos e habilidades arredor da sociedade dixital, e onde ter a posibilidade de participar en actividades de lecer e de formación arredor da cuestión tecnolóxica.
A cita foi dada a coñecer pola concelleira de Xuventude, Aroa Fernández, o técnico municipal Mario Vidal e polos representantes de PHP Software Factory, a empresa que se vai encargar do desenvolvemento da xuntanza. Esta celebrarase ao longo de case sesenta horas sen interrupción, dende as 10.00 horas do venres 14 de outubro até as 18 do día 16. Habilitaranse 55 prazas.
As persoas interesadas xa poden ir formalizando a inscrición a través da páxina web específica da xuntanza, www.uxianet.com. O encontro terá dúas partes ben definidas, como soe ocorrer neste tipo de eventos. Por unha banda contaremos coa área de intranet, que é onde farán vida en liña as persoas inscritas, cos ordenadores e a rede de alta velocidade, e por outra banda teremos a extranet, que é o espazo aberto, de libre acceso, que dará acubillo ás actividades formativas e de lecer: relatorios, charlas e exposicións.

PUBLICIDADE