Rexurde a empresa responsable do Readius

mércores, 9 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Imaxe do Readius de Polymer VisionA finais de 2007 deberían ter entrado en produción os Readius, uns trebellos que consistían nunha pantalla flexible de 5 polgadas, que serviría para a lectura de libros, xornais, blogs e outros contidos, pero que finalmente non veu a luz porque a empresa encargada do seu desenvolvemento, Polymer Vision, pasou unha mala racha económica que a levou ao cese de actividades, o que agora cambiará grazas a que unha compañía asiática adquiriu a Polymer Vision. Na actualidade a empresa recuperou ao 80% do seu cadro de persoal orixinal, polo que agora que os dispositivos de lectura de libros electrónicos están de moda podería ser o momento axeitado para o Readius, un trebello de só 115 gramos, cunha autonomía de 30 horas, con conectividade 3G (para a descarga de contidos da Rede), Bluetooth e ata 8 Gb de almacenamento (mediante tarxetas microSDHC). Sen dúbida, unha interesante tecnoloxía de lectura, que podería ter certo éxito de xeito autónomo ou mesmo integrarse no futuro en dispositivos coma o teléfono móbil.

PUBLICIDADE