Retegal instala unha carpa itinerante sobre novas tecnoloxías en Compostela

venres, 26 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A Secretaría Xeral de Comunicación e o operador público de Telecomunicacións Retegal abriron esta mañá unha carpa itinerante sobre novas tecnoloxías na Alameda de Santiago de Compostela. A iniciativa pecha así a campaña informativa iniciada o pasado mes de novembro coa que se pretendía achegar a TDT aos concellos galegos que antes realizarán o apagón analóxico.
A carpa estará instalada na Alameda compostelá ata o próximo martes 30 de decembro con horario de 12 a 14 horas e de 16:30 a 19:30 horas. O vindeiro luns 29 de decembro o director xeral de Comunicación Audiovisual e conselleiro delegado de Retegal, Manuel José Fernández Iglesias, ofrecerá unha rolda de prensa nas instalacións despregadas na Alameda na que se dará conta do balance da campaña divulgativa que ven de percorrer os concellos galegos que realizarán o acendido dixital antes de que remate o ano.
O proxecto, que se pretende visite outros concellos galegos, ten como obxectivo achegar e difundir dun xeito fácil e ameno as novas tecnoloxías a todos os cidadáns. A carpa conta con diferentes espazos para que todos poidan aprender sobre as novas tecnoloxías, desde os máis novos aos maiores.

PUBLICIDADE