Representantes da Rede de Cidades Intelixentes visitan o CITIC

xoves, 13 de xuño do 2013 Redacción

O pasado día 11 de xuño, representantes da Rede de Cidades Intelixentes (RECI) e do Concello da Coruña visitaron as instalacións do CITIC para coñecer os proxectos de investigación aplicada que están a desenvolverse neste campo. Na actualidade, o Centro está a participar activamente no proxecto Smart City para a cidade da Coruña, xa que resultou adxudicatario do concurso convocado polo Concello, formando parte do consorcio no que tamén se integran as empresas Altia, R, Indra e Ilux. De feito, as dúas primeiras tamén participaron no devandito encontro.
Como corresponde ao seu sector, os representantes de RECI, rede que representa a máis de corenta cidades entre as que se atopan A Coruña, Barcelona, Madrid e Málaga, acudiron ao CITIC nun Renault Twizy ZE, un cuadriciclo de propulsión eléctrica que promove a mobilidade urbana sostible, en liña a algunhas das iniciativas que se están a levar a cabo dende o CITIC como PIMUS, Punto de Información Intelixente para a Mobilidade Urbana Sustentable, presentado como proxecto piloto para o Concello da Coruña.
Recentemente o CITIC asistiu ao foro Transfiere de Málaga e aproveitou para manter unha serie de reunións con diferentes organismos andaluces entre os que se incluíron os responsables da Área de Innovación e Novas Tecnoloxías do Concello de Málaga, unha das cidades españolas onde o proxecto Smart City está máis desenvolvido.

Axudas do programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas: Agrupación Estratéxica CITIC (CN2012/211). Cofinanciado por:

PUBLICIDADE