Renóvase o portal das aplicacións da Xunta, que chega xa ás 25

luns, 6 de marzo do 2017 Redacción

O Goberno galego informou esta pasada fin de semana de que xa conta no seu haber con 25 aplicacións móbiles ao servizo da cidadanía, e que estas ferramentas, dende a súa posta en marcha, deixan ás súas costas un ronsel de 483.000 descargas. Ao mesmo tempo, a Xunta recordou estes días que que as páxinas de acceso aos seus servizos de mobilidade accesíbel vén de ser renovado, trátase do portal www.xunta.gal/aplicacions-mobiles. Neste espazo enliña podemos atopar as apps artelladas en dez categorías. O portal tamén permite facer procuras por temas e polos sistemas operativos nos que aquelas estean habilitadas.
O catálogo de aplicacións da Xunta abrangue dez categorías: Administración pública (DOG, Plataforma Contratos, escAPP e CDTIC): Consumo e comercio (Non piques-non peques, Mercados e Prazas de Galicia, IGC, Galicia Calidade); Cultura e ocio (Axenda Cultural, Museo Centro Gaiás); Emprego (Mobem), Ensino e formación (abalaMobil); Lingua (Tradutor Gaio); Meteoroloxía (MeteoGalicia, MeteoRoute, MeteoSix); Mocidade (Carné Xove) Natureza e Turismo (Turismo de Galicia; Camiño de Santiago; Bono Iacobus, Galicia Birding, Sendegal, Parques Naturais, Enoturismo, Botafumeiro R.V).
Segundo informa o Goberno galego, as aplicacións que rexistran un volume máis elevado de descargas son MeteoGalicia, para a predición meteorolóxica; abalarMobil, para o seguimento de pais e nais da actividade educativa dos seus fillos; Mobem para demandantes de emprego; MeteoSIX, que ofrece a predición meteorolóxica xeorreferenciada; e Sendegal, que permite coñecer rutas homologadas de sendeirismo en Galicia.
A medida de xuntalas nun único portal co fin de facilitar o seu achegamento á cidadanía remóntase a 2013, cando o Consello da Xunta acordou que a publicación das súas ferramentas móbiles para Android e iOS se levase a cabo baixo epígrafe único de “Xunta de Galicia”. Logo disto, creouse o devandito espazo web específico. Este portal vén de ser actualizado esta mesma semana.

PUBLICIDADE