RenderMan conta xa cunha versión non comercial de balde

martes, 24 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Hai preto dun ano Pixar anunciou que estaba a preparar unha versión non comercial de balde do seu software RenderMan, e finalmente a temos aquí, de xeito que este software para a creación de gráficos tridimensionais que tantos éxitos posibilitou a Pixar pode empregarse para investigación, educación, proba, desenvolvemento de plug-ins e proxectos persoais que non xeren beneficio totalmente de balde grazas a unha versión de RenderMan que carece de limitacións que vaian máis alá do seu modelo de licenza.
RenderMan inclúe a nova tecnoloxía RIS de Pixar, de xeito que permite unha iluminación global e unhas luces e sobras interactivas rápidas, facilitando o traballo dos artistas, que agora poden gozar desta versión de balde desta potente plataforma dispoñible para distintos sistemas operativos de 64 bits (OS X, Windows 7/8 e Linux). Amais, RenderMan é compatible coas versión 2013.5, 2014 e 2015 do Maya de Autodesk e coas versións 1.5, 1.6 e 2.0 do KATANA de The Foundry.
Para poder introducirse en RenderMan están dispoñibles na súa páxina web máis de 5 horas de vídeo de titoriais que axudan a coñecer numerosos detalles desta aplicación.

PUBLICIDADE