Remata o prazo para anotarnos nos cursos lucenses sobre eFacturación, redes sociais, deseño e smartphones

xoves, 19 de outubro do 2017 Redacción

A concelleira Rosana Rielo nunha rolda de prensa recente

O Concello de Lugo vén de informar que este xoves 19 de outubro remata o prazo para inscribirnos en boa parte dos cursos do programa formativo Tecnoloxíza-T!, organizado polo Goberno local no Edificio de Novas Tecnoloxías, emprazado no miolo da cidade vella. Concretamente, este xoves é o último día para anotarnos nos obradoiros de Sinatura e facturación electrónica (que se celebra este sábado), Iniciación ás redes sociais, Deseño web e Sácalle partido ao smartphone, que arrancarán o vindeiro luns. Cada un deles oferta 15 prazas.
Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse no Edificio de Novas Tecnoloxías, na Praza de Anxo Fernández Gómez, aberto de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados de 17:00 a 21:00 horas.
O Concello tamén lembra que até decembro, a Concellería de Concello e Cidadanía que dirixe Rosana Rielo ofrece outras alternativas de formación como Trámites bancarios online, Marketing dixital, Comunícate Online, Súbete á nube, Posicionamento Web e SEO, Sácalle partido ao Whatsapp, Creación de Apps, Internet segura, Aprende a usar a túa tableta, Introdución á programación e Retoques fotográficos co teu smartphone.
A data de inscrición, que é distinta para cada actividade, pode consultarse ben no propio centro, a través do teléfono de atención cidadá 010 ou en www.lugo.gal. Os e as menores de idade deberán contar coa autorización dun titor legal. Cada persoa só se poderá inscribir en dous cursos. Só no caso de que queden prazas libres poderanse admitir a inscrición en máis de dous obradoiros. O acceso aos cursos será por sorteo, que se realizará ás 11:00 horas do día seguinte ao peche da inscrición.

PUBLICIDADE