Remata na USC a actividade formativa dixital Innovación 360º

mércores, 8 de maio do 2013 Redacción

Este martes chegou á súa fin no Edificio Emprendia da USC o Curso de Innovación 360º que convocou a Akademia Bankinter co propósito de desenvolver as habilitades en creatividade e renovación empresarial da comunidade de estudantes, amais de sensibilizalos acerca da necesidade de apostar pola inventiva no mercado con fin de acadar vantaxes competitivas no seu futuro día a día. O curso, de carácter intensivo, baseouse nun método de ensinanza innovador que conta con material cen por cen dixital e un contido de primeiro nivel xerado por expertos internacionais, informa a Universidade de Santiago.
A actividade formativa, que contou coa colaboración da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, asumiu en boa medida un formato de debate co fin de estimular a participación e a inclusión do factor innovación dende a base mesma do curso: a base da achega de contidos e a súa valoración e asimilación por parte do alumnado. A acción estaba dirixida a estudantes de último ano de carreira, de máster e doutoramento, aos que se lles ofreceu una formación complementaria altamente valorada por empresas e institucións. Con carácter gratuíto, forneceuse a 30 estudantes da USC, “estando implantado nas mellores universidades de España”, engade a USC. Ademais de docentes seleccionados pola Akademia Bankinter participa nesta liña educativa profesorado da institución académica compostelá, que nalgún caso ten incorporado a metodoloxía de traballo do curso ás súas respectivas materias polo seu interese e potencial.

PUBLICIDADE