Remata este venres o prazo para achegar solicitudes a Conecta COVID de GAIN

mércores, 11 de agosto do 2021 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) informou de que o prazo para solicitar as axudas do programa Conecta COVID entrou na súa recta final esta segunda semana de agosto. Como lembraremos, este programa ten o principal obxectivo de impulsar e apoiar proxectos innovadores da nosa tera destinados a facer fronte aos desafíos principais da COVID-19. A axencia GAIN engade que as empresas interesadas en beneficiarse dos financiamentos mobilizados teñen até este venres 13 de agosto.
O obxectivo principal desta iniciativa, que conta cun orzamento de 4M€ e pretende mobilizar 6 millóns grazas ao cofinanciamento privado, pasa por seguir avanzando na innovación fronte ao coronavirus e apoiar, ao mesmo tempo, a transición dixital do tecido empresarial (especialmente das pemes) para contribuír así á recuperación económica de Galicia.
O programa dispón dunha liña de actuación destinada a proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental relacionados coa pandemia e outra de iniciativas de innovación en produtos, vinculada tamén a esta enfermidade. Poderán desenvolverse de xeito individual ou a través de agrupacións (de dúas a seis entidades).
A investigación sobre vacinas, medicamentos e tratamentos, produtos sanitarios e equipos hospitalarios e médicos, desinfectantes, roupa e equipos de protección, así como innovacións de procesos para unha produción eficiente dos produtos necesarios deben centrar os proxectos que presenten as empresas candidatas.
Ademais, estas propostas teñen que contribuír ao apoio ás pemes galegas; á transición e transformación dixital das pequenas e medianas empresas nos eidos estratéxicos dos Hubs galegos de innovación dixital, Dihgigal e Datalife (colaboradores de Conecta Covid); á transición verde da economía galega e a integración da dimensión social da innovación; estar orientadas ao mercado e á mellora da competitividade; así como aliñadas coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e ser desenvolvidas na Comunidade.
Poderán realizarse pagamentos anticipados de ata o 80% da axuda concedida, que acadarían o 100% de anticipado no caso de que as iniciativas rematen este ano ou no 2022. Ademais, a intensidade da axuda, que depende da liña e do tamaño de empresa, pode chegar ao 80% no caso das pemes e ao 100% no caso dos organismos de investigación.

PUBLICIDADE