Remata a primeira semana de apagados analóxicos en 56 concellos galegos

venres, 22 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

Logo de que onte se levaran a cabo os apagados analóxicos nos centros de Arzúa, Touro e Val do Dubra, pertencentes á área técnica de Santiago, e de Cedeira, Esmelle, Feas, Mandía, Muras II, San Sadurniño, San Andrés de Teixido, Sta. Mariña de Narahio, Vicedo e Vilasanche, pertencentes á área técnica de Ares, xa son máis de 350.000 os cidadáns e cidadás galegos que xa ven unicamente a Televisión Dixital Terrestre nos seus fogares.
A de onte, segundo veñen de informar dende o Goberno galego, foi unha xornada de moita normalidade en canto aos ceses analóxicos producidos, nos que apenas se rexistraron incidencias, e as que se produciron, “foron subsanadas polos técnicos”.
Porén, non todo semella ser tarefa doada no cambio do sinal analóxico a dixital e aínda que continúa a tendencia de diminución das chamadas rexistradas nos teléfonos de información ao cidadá facilitados pola Xunta (pasando das 1.000 diarias ás 350 rexistradas o xoves), o certo é que algunhas vilas como Carballo seguen a ter problemas para a recepción da TDT.
Os ceses analóxicos na nosa Comunidade retomaranse o vindeiro luns, 25 de xaneiro, xornada na que terán lugar os apagados nos centros de Oza dos Ríos, Aranga, Betanzos, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, pertencentes á área técnica de Ares. Deste xeito o apagado analóxico chegará total ou parcialmente a 13 municipios: os de Aranga, Betanzos, Coirós, Irixoa, Monfero, Oza dos Ríos, Paderne, Pontedeume, Pontes de García Rodríguez, Vilarmaior, Cesuras, Curtis e As Somozas.

PUBLICIDADE