Remata a celebración dos 25 anos da CRTVG na Rede CeMIT

xoves, 27 de maio do 2010 Raquel Noya

No marco dos actos de celebración dos primeiros 25 anos de vida da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), as aulas da Rede CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia) das sete principais cidades galegas, recibiron a visita dun total de 2.015 persoas, que se achegaron ás mesmas para participar nas actividades que a Secretaría Xeral de Medios levou a cabo. Entre os actos desenvolvidos para celebrar o cuarto de século do noso ente comunicativo por excelencia, que por certo remataron esta semana, destacaron os cursos de stop-motion, unha técnica de animación que consiste en aparentar o movemento de obxectos estáticos capturando fotografías, aos que asistiron, en total, 225 rapaces e rapazas de entre 14 e 18 anos, procedentes de institutos de educación secundaria de varias cidades galegas.
Ao longo do curso, cada aula contribuiu á animación da coñecida mascota da CRTVG, o Xabarín, dando lugar a unha peza final onde o personaxe animado cobra vida. O grupo que realizou a animación de maior calidade, a xuízo dun xurado, recibirá como premio unha videocámara dixital que se entregará o vindeiro 9 de xuño no Centro Multimedia de Galicia.
Por outra banda, as aulas da Rede CeMIT da Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol recibiron tamén durante estes dous meses as visitas de coñecidos persoeiros da radio e da televisión autonómica galega, como o locutor Luís Rial; o emblemático home do tempo da Galega, Santiago Pemán, e os seus herdeiros, Martín Barreiro e Beatriz Hervella; así como o presentador do xa lendario programa Luar, Xosé Ramón Gayoso, ou o condutor do espazo Cifras e letras, Paco Lodeiro, entre outros, que falaron sobre as súas experiencias e a súa traxectoria profesional perante as persoas asistentes.
Asemade, o popular Xabarín, mascota do programa da Televisión de Galicia do mesmo nome, fixo as delicias de máis de mil catrocentos pequenos, que puideron conversar con el en persoa e converterse en partícipes das súas peripecias.
Segundo informaron os seus responsables, todas as actividades que se realizaron para conmemorar os 25 anos da CRTVG, “estiveron enmarcadas e orientadas cara as novas tecnoloxías e as novas formas de comunicación, non quedando alleas as redes sociais, como Twitter”.
Iso permitiu dar cabida a todos aqueles que quixesen participar activamente nesta celebración, a través de dous concursos relacionados con estas novas canles de comunicación: “As mellores frases da dobraxe da Galega” e “Que está a pasar na Rede CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG” cuxos premios se entregarán tamén o vindeiro 9 de xuño no Centro Multimedia de Galicia.

PUBLICIDADE