Remata Galicia Aula Dixital cos participantes percorrendo o Camiño dende O Pedrouzo

luns, 5 de xullo do 2021 S. P.

A iniciativa Camiño á Empregabilidade, lanzada pola Consellería de Emprego e Igualdade, chegou ao seu remate co percorrido dunha etapa do Camiño de Santiago, dende O Pedrouzo (O Pino) ata Compostela, onde o alumnado do programa puido compartir os seus coñecementos e experiencias nunha ao longo de 20 quilómetros de percorrido.
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Galicia Aula Dixital que ten por obxectivo achegar formación tecnolóxica para fomentar a empregabilidade de menores de 30 anos de maiores de 45. Segundo informou a Consellería as actividades da Aula Dixital tiveron unha afluencia que superou as estimacións previstas, con máis de 200 alumnos e alumnas inscritas.
O programa, iniciado o 11 de maio, foi impartido tanto en liña como de xeito presencial. Esta iniciativa procuraba a cualificación en comunicación activa e o fortalecemento das competencias en ferramentas TIC para a mellora en empregabilidade dos e das participantes, ademais da elaboración dun plan de acción personalizado para a procura dun posto de traballo.
Cada persoa inscrita no programa contou co asesoramento dun mentor ou mentora cun seguimento axustado a cada participante.

PUBLICIDADE