Redúcese na nosa terra a fenda dixital de idade

luns, 7 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Internet medra entre a poboación galega maior de 55 anos, un dato que comeza a esboroar os estereotipos sobre a exclusividade tecnolóxica dos nativos dixitais (a falsa crenza da imposibilidade de afianzar a toda a sociedade por igual no uso cotián das TIC) e abre importantes posibilidades comunicativas e de integración dixital para a sociedade galega. Este dato da maior presenza das novas ferramentas no día a día dos maiores aparece reflectido hoxe nun novo balance da axencia AMTEGA e do seu observatorio OSIMGA. Nel recoñécese que aínda queda moito traballo por facer (segue habendo fenda dixital entre a xente nova e a xente de máis de 55 anos), pero tamén se informa dunha significativa diminución da distancia que separa ambas franxas de idade en materia TIC.
En termos máis concretos, a fenda séguese a manifestar da seguinte maneira: a porcentaxe de uso entre os galegos de menos de 44 anos sitúase en valores próximos ao 100% mentres que entre os maiores de 55 non chegan ao 65%. Estamos a falar pois de case 40 puntos de distancia entre un ámbito e o outro.
Pero, como dixemos, o informe tamén confirma que nos últimos sete anos o devandito treito foise reducindo: desde 2011, segundo datos do INE, o uso da Internet entre galegos de 55 a 64 anos incrementouse un 145%, o segundo maior aumento do conxunto do Estado. Tamén creceu a porcentaxe de persoas de 65 a 75 anos que navegan por Internet, que por primeira vez supera o 44% cando en 2011 estaba nun 9,2%.
A axencia AMTEGA tamén pon o foco na importancia do factor normalizador e dixitalizador das novas xeracións alí onde se atopen: a convivencia con nenas e nenos en idade escolar ou con adolescentes facilita moito o achegamento á tecnoloxía. Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información sinalan que o 97,5% dos fogares galegos con nenos de 3 a 16 anos teñen contratado o servizo de banda larga, 17 puntos máis que os fogares onde non residen nenos. No caso de fogares con estudantes maiores de 16 anos a porcentaxe elévase ata o 98,9%.

PUBLICIDADE