Redondela achega estes meses unha manchea de cursos TIC para a veciñanza

mércores, 1 de marzo do 2017 Redacción

O Concello de Redondela, a través do seu departamento de Novas Tecnoloxías, vén de presentar un máis que completo programa formativo sobre novas tecnoloxías a disposición da veciñanza. Segundo informa o departamento que dirixe Julio Mougán, os obradoiros desenvolveranse nas dúas aulas CeMIT coas que conta o Concello, unha en Redondela e outra en Chapela. Os cursos, que se celebrarán a partir de marzo, artéllanse en tres bloques: Alfabetización informática e competencias dixitais básicas, Actividades formativas para ONG e asociacións e, por último, Busca de emprego e TIC.
No primeiro bloque o obxectivo é formar aos asistentes nos aspectos máis relevantes e útiles das novas tecnoloxías e Internet, partindo dun nivel básico e afianzando os alicerces para vindeiros avances formativos. Haberá cursos para iniciar na informática aos adultos, para iniciar aos maiores de 60 anos, de mecanografía, de tratamento de textos con Writer, sobre eAdministración e comercio electrónico ou sobre o uso básico do sistema operativo Windows 7.
No segundo bloque achégase (entre outras cousas) un curso sobre fotografía dixital, un sobre retoque fotográfico con Photoshop, un obradoiro sobre deseño web con WordPress e outro sobre desenvolvemento de tendas virtuais para o comercio. Polo que respecta ao terceiro bloque, introducirase ao alumnado no deseño de currículos e cartas de presentación, nos portais e buscadores de emprego principais e nas aplicacións máis populares para a procura de emprego.

PUBLICIDADE