Redegal, distinguida nos premios eAwards na categoría de captación de tráfico

venres, 29 de abril do 2016 Redacción

A empresa galega Redegal vén de ser recoñecida co premio á Mellor Axencia Dixital de Captación de Tráfico. O galardón foille concedido o pasado 19 de abril ao abeiro dos premios eAwards, no marco da feira eShow de México, o evento itinerante e referencial de comercio electrónico e mercadotecnia dixital. A distinción veu da man da empresa eWorld, editora da revista profesional de ecommerce eShow Magazine. A entrega de premios tivo lugar no WTC da Cidade de México (México DF) e congregou, segundo informa Redegal, “a grandes personalidades do mundo da publicidade e mercadotecnia dixital do país”.
A empresa galega obtivo o devandito recoñecemento grazas ao seu proxecto de captación de tráfico orgánico para o diario Milenio e o Grupo Martí. Segundo contan fontes da firma con sede en Ourense, o devandito xornal mexicano apostou pola experiencia de Redegal para elaborar unha estratexia en tempo real de SEO (polas súas siglas en inglés Search Engine Optimization, ou sexa todo o relativo a posicionamento en buscadores, optimización en motores e optimización web). Esta estratexia foi enfocada sobre todo a visualizar o tratamento de evento sinalados.
Pola súa banda, a cadea de roupa deportiva Grupo Martí recorreu á axencia da nosa terra para a migración e posta a punto da súa páxina web. Este premio, engade a empresa galega, súmase aos conseguidos en 2015, tras ser premiada Redegal por Google como mellor axencia española en retorno de investimento publicitario na celebración anual do All Stars Competition, ao que cómpre engadir o Premio Novo Empresario 2015 outorgado pola Federación Galega de Novos Empresarios-AJE Galicia.

PUBLICIDADE