Red.es presenta na nosa terra as novas edicións dos seus programas de Internet para empresas

xoves, 6 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Red.es, a entidade pública empresarial do Ministerio de Industria, está a piques de retomar no eido práctico dúas iniciativas dirixidas a afianzar o emprego de novas tecnoloxías da información nas empresas: as Xornadas Empresas en Rede e o programa Ningunha Empresa sen Web (do que xa temos falado nesta web co fin de presentalo como unha porta de entrada a Internet para as firmas de investimentos reducidos). Estas dúas actividades de promoción, activas nesta segunda quenda até 2009, contan coa colaboración da Xunta para o seu desenvolvemento a nivel galego.
Precisamente, Red.es vén de informar sobre a posta en marcha dos programas na nosa terra. Por unha banda, sinalar que as Xornadas arrancarán o martes 11 de novembro na Coruña, cunhas sesións de sensibilización tecnolóxica (trátase de informar das moitas vantaxes das TIC na xestión, na venda ou na distribución) que comezarán ás 12.00 horas no Hotel Eurostars Palace. Segundo informa Red.es, os empresarios que desexen participar poden inscribirse a través da web www.jornadasempresasenred.es e do teléfono 902 012 094.
Polo que respecta a NEW (Ningunha Empresa sen Web), incluirá na súa nova aplicación en Galiza unha serie de obradoiros presenciais encamiñados a favorecer a compra de servizos de Internet ás pequenas e medianas empresas. Quen desexe participar nesta iniciativa deberá inscribirse na páxina www.programa-new.es ou no teléfono 900 22 33 22. Tanto a través dunha canle como da outra, é posible contratar o paquete de servizos de presenza na Internet que mellor lle acaia ás necesidades de cada negocio, e todo dende 60 euros ao ano. A nova edición de NEW, que conta coa achega participativa de 21 empresas (ofrecendo prezos especiais ás empresas que non contan con grandes investimentos) darase a coñecer en primeira instancia en Ourense, o vindeiros mércores 12 de novembro, estando prevista a chegada a Lugo o 2 de decembro e ás outras provincias galegas en 2009.

PUBLICIDADE