Red.es e a Cámara de España poñen en marcha 60 oficinas para acelerar a transformación das pemes, catro en Galicia

xoves, 18 de marzo do 2021 S. P.

A entidade estatal Red.es e a Cámara de España presentaron este 18 de marzo a posta en marcha do convenio de colaboración para a creación de 60 Oficinas Acelera Peme na Rede de Cámaras de Comercio (catro delas en Galicia, unha por cada provincia). Este acordo terá como obxectivo, durante os dous vindeiros anos, impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas, micropemes, autónomos e emprendedores.
O orzamento do convenio é de 9,975 millóns de euros, dos cales Red.es achegará un máximo de 4,635 e a Cámara de España un máximo de 5,340. Está co-financiado con fondos FEDER da Unión Europea, no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 (POPE).
En concreto, o convenio (de 24 meses de duración) prevé a entrada en funcionamento de 35 oficinas durante este ano e outras 25 en 2022.
Coa rede de Oficinas Acelera Peme preténdese alcanzar “a maior cobertura territorial” con polo menos “unha oficina por provincia” e, no caso particular das illas, con tres en Baleares (Mallorca, Menorca e Eivissa) e catro en Canarias (Tenerife, Forteventura, Gran Canaria e Tenerife).
Deste xeito, na primeira fase poranse en marcha 35 oficinas, que se distribuirán polas 17 Comunidades Autónomas e a Cidade Autónoma de Ceuta, mentres que en 2022 incorporaranse as 25 oficinas restantes até completar as 60 previstas.
A distribución autonómica das 60 oficinas é a seguinte: Andalucía: 10; Aragón: 3; Asturias: 2; Baleares: 3; Canarias: 4; Cantabria: 1; Castela-A Mancha: 4; Castela e León: 8; Cataluña: 5; Ceuta: 1; Comunidade de Madrid: 1; Comunidade Valenciana: 5; Estremadura: 2; Galicia: 4; A Rioxa: 1; Murcia: 2; Navarra: 1 e Euskadi: 3.
Como actuación principal do acordo, ofrecerase atención e asesoramento ás empresas no seu proceso de transformación dixital a través das oficinas nas Cámaras de Comercio. Levarán a cabo actuacións de sensibilización tales como a xeración, difusión e posta en valor de contidos sobre as vantaxes da incorporación das TIC nos seus procesos de negocio; o establecemento de centros demostradores TIC para a incorporación das novas tecnoloxías nas empresas; a capacitación sobre tecnoloxías dixitais ou a prestación de servizos tecnolóxicos e infraestrutura.

PUBLICIDADE