Red.es cancela o dominio pruebelo.com.es por un delito de estafa ós consumidores

venres, 29 de xuño do 2007 Raquel Noya

A Entidade Pública Empresarial Red.es, vén de resolver a cancelación do dominio de Internet pruebelo.com.es trala solicitude presentada en setembro de 2006 polo Instituto Nacional de Consumo a instancias do Centro Europeo do Consumidor en España.
O dominio, que está a nome dunha empresa alemana, ofrecía o envío de mostras de produtos promocionais de balde sen cumplir as normas de comercio electrónico e posteriormente, trataba de cobrar por un servizo que non chegaba a realizar.
Os afectados, que fixeron as súas reclamacións ante o CEC, alegaron que as máis das veces, a empresa chegaba a ameazalos con incluir os seus nomes nunha lista de morosos e emprender accións legais se non pagaban os produtos solicitados, produtos que finalmente nunca chegaban ós seus destinos, nin de balde nin pagando.
O Instituto Nacional de Consumo alegou, na súa solicitude de cancelación que no rexistro “pruebelo.com.es” constaban datos falsos ou incorrectos xa que “a empresa non figura inscrita no rexistro mercantil dese país nin tampouco aparece publicada nas Páxinas Amarelas da localidade alemana onde afirma estar ubicada”.
A decisión de Red.es baséase en que o beneficiario do dominio non presentou, dentro do prazo establecido, ningunha documentación que probe que os datos asociados ó nome do dominio son correctos e veraces, pero pese á resolución, a compañía aínda conta co dominio alternativo “pruebelo.de”, posto que a cancelación depende xa das autoridades alemanas.

PUBLICIDADE