Recoñecidas as mellores contribucións ao ámbito dos videoxogos do certame Xuventude Crea

martes, 13 de decembro do 2022 S. P.

Finalmente a Secretaría Xeral de Política Lingüística compartiu o palmarés na modalidade de videoxogos do certame Xuventude Crea 2022, convocado pola Xunta para “recoñecer o talento e a creatividade da mocidade galega en distintas categorías”. Así, o equipo formado por María Santalla Martínez e Daniel Alejandro Santiago Mayoral fíxose co galardón na especialidade de Creación de videoxogos coa proposta K.I.W.I.
O segundo lugar foi para a creación titulada Poupar, que elaboraron Jorge Fernández Meneses, Eloi Pena Gómez, Celia Fernández Gómez, Brandán Reino Gorín e Sara Martínez Narváez. O terceiro premio quedou deserto. Os gañadores recibirán unha gratificación de 3.000 euros; e 1.500 euros o equipo que quedou en segunda posición.
Máis de 4.000 mozas e mozos de entre 16 e 30 anos participaron nas trece edicións que se levan celebradas do Xuventude Crea, que acumula preto de 3.000 proxectos creativos e obras presentadas. Na edición deste ano 2022 concorreron un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contaron con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital acabado de estrear na Rede: www.museoxuventudecrea.gal.
As disciplinas que se premiaron nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, vídeo-creación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Cómpre destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.

PUBLICIDADE