Recoñécese oficialmente o record Guinness de descargas do Firefox 3

xoves, 3 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Finalmente a organización dos Records Guinness recoñeceu a marca acadada polo Firefox 3 en descargas en 24 horas, determinando que esta nova marca mundial queda fixada en 8.002.530 descargas.
O novo record mundial pasa a coñecerse coma o meirande número de descargas en 24 horas dunha aplicación informática, e aínda está moi lonxe do número de usuarios totais de Firefox, que se estima que é duns 180 millóns repartidos en máis de 230 países, e que tamén empregan diferentes versións da aplicación.
Precisamente para atender a esta realidade, a estrea do Firefox 3 non supón o abandono absoluto do Firefox 2, que vén de ser actualizado á súa versión 2.0.0.15, de xeito que mellora a súa seguridade e estabilidade, o que agradecerán os usuarios que aínda non queiran pasar ao Firefox 3 (o que acontece en moitos casos por non contar a nova versión con certos engadidos actualizados).

PUBLICIDADE