ReDe levou a bo fin o 90% das solicitudes de Internet rexistradas

luns, 17 de febreiro do 2014 Redacción

En xaneiro de 2011 botaba a andar o rexistro de demandantes ReDe, unha aplicación informática consecuencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) coa que os cidadáns poden consultar a situación do Plan de Banda Larga no seu núcleo de poboación e rexistrar a súa demanda de servizo en caso de carecer de cobertura. A xeito de dato, dicir que o dito Rexistro de Demandantes ReDe atendeu un total de 819 solicitudes de cobertura de Internet do Plan de Banda Larga da Xunta, segundo informa a propia axencia.
Asemade, engade, a día de hoxe lévanse resolto preto do 90% das demandas rexistradas e as restantes estanse a tramitar. Máis da metade das consultas foron realizadas por habitantes de núcleos xa cubertos polo Plan e así se lles trasladou aos usuarios. Arredor do 30% foron demandas de servizo en núcleos cubertos nos que os demandantes carecían de cobertura. Tras enviar estas demandas aos operadores están resoltas ou en vías de resolverse. Arestora, ReDe ten pendente de resposta por parte dos operadores arredor dun 10% de consultas e arredor dun 2% en seguimento.
Para os interesados, sinalar que ReDe está dispoñible na páxina da AMTEGA, e recibiu preto de 13.000 visitas en tres anos.
Que é ReDe exactamente? Pois estamos perante unha ferramenta de consulta sinxela e de doado manexo. O usuario interesado en coñecer os avances do Plan na súa zona a través de ReDe só precisa un computador con conexión a Internet e un navegador web. No enderezo habilitado atopa unha ligazón para acceder a Rede e xa na páxina principal o usuario pode elixir a súa provincia, concello, parroquia e núcleo. Unha vez seleccionado o núcleo, o usuario visualiza un mapa no que se indica a situación actual de cobertura na zona que está a achegar o Plan de Banda Larga e cal dos operadores é o responsábel do despregamento. No caso de que as actuacións do Plan (que se prolongarán até finais de 2013) non chegaran á zona, informarase de cando se porán en marcha. Aquelas persoas sen acceso á Internet poden cubrir un formulario cos seus datos ficando rexistrada a súa demanda.

PUBLICIDADE