Rapaciñ@s trae a David Calle á súa gran cita do 6 de maio
martes, 2 de maio do 2017
- David Calle, creador de Unicoos, na súa intervención na primeira edición do DICO Summit, en Santiago
Para aquelas familias
que tiñan en mente escoitar a David Calle e non tiveron oportunidade
(a
cita de Vigo organizada por Afundación o 28 de abril xa levaba días
coas entradas esgotadas), sinalarlles que o Colexio Profesional
de Enxeñaría en Informática (CPEIG) vai contar con el esta mesma
semana, o 6 de maio, para (entre outras cousas) axudar ás nenas e
nenos (e ás nais e aos pais) no seu camiño cara ao máis óptimo
desenvolvemento persoal das súas capacidades (Calle é un férreo
defensor da teoría cada vez máis aceptada de que o talento
tecnolóxico e investigador está presente en todos e cada un de
nós). A
cita será na Cidade da Cultura, ao abeiro da terceira edición de
Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, unha iniciativa
conxunta do CPEIG e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia (AMTEGA). Trátase, en palabras do CPEIG, dun “gran evento
que combina actividades para as familias ao redor da seguridade na
Internet e a creatividade nas novas tecnoloxías”.
A xornada, que se
desenvolverá no Edificio CINC, arrincará ás 16.30 horas coa
recepción dos asistentes aos obradoiros de robótica educativa,
Sploder, Lego e Makey Makey con Scratch, dirixidos a nenos e nenas de
entre 8 e 14 anos de idade. Os talleres contan co apoio das empresas
Arkitas Robótica e Tech Academy. Segundo informa a organización,
cómpre que as/os participantes nestas actividades acudan co
computador de seu. Poden
inscribirse previamente no formulario específico habilitado.
Namentres se
desenvolven os talleres tecnolóxicos, os pais e nais (ou calquera
outra persoa interesada) terán a oportunidade de asistir á charla
Flipped classroom ou como darlle unha volta ás clases, a
cargo de David Calle, fundador de Unicoos e TOP10 no Global Teacher
Prize 2017. A presentación do relatorio arrincará ás 17.30 horas e
correrá a cargo da directora da AMTEGA, Mar Pereira, e do presidente
do CPEIG, Fernando Suárez. A entrada á charla é libre ata que se
complete o aforo.
David
Calle,
enxeñeiro
de Sistemas de Telecomunicacións,
é o creador de Unicoos.com,
organización
educativa sen
ánimo de lucro amais
dun sitio web
referencial para a
comunidade educativa científica e tecnolóxica.
Está baseada na canle YouTube do mesmo nome, onde poden atoparse
centos de vídeos de matemáticas, física, química e tecnoloxía,
principalmente de contidos preuniversitarios (últimos anos de
secundaria e bacharelato) e primeiros anos universitarios.
Para
quen non o saiba, Unicoos é hoxe en día o primeiro portal educativo
do ámbito español e o terceiro no mundo, con 700.000 subscritores
en YouTube, 175.000 seareiros en Facebook e 30.000 en Twitter.
Ademais, xa foron gravados ao abeiro desta iniciativa 700 vídeos cos
recursos de seu da academia dixital.
Recentemente, Calle foi
elixido Youtuber
do Ano
nos premios Bitácoras 2016 e elixido entre os 50 candidatos ao
Global
Teacher Prize,
considerado o premio Nobel da educación.
Segundo lembra o
colexio profesional que preside Fernando Suárez, cómpre que
lembremos que aparte do gran evento previsto para o 6 de maio, o
programa Rapaciñ@s percorrerá Galicia nos vindeiros meses “con
máis de 20 charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados
do CPEIG e obradoiros infantís”. Por unha banda, familias e tamén
docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas
e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven
a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas
expresamente para eles co obxectivo de que se divirtan e aprendan.