Rafael Moya, o CTAG, Nova Pescanova e Aperta, premiados na Noite das Telecomunicacións

venres, 24 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Este 24 de maio festexáronse na nosa terra as innovacións que favorecen o progreso tecnolóxico, científico, social, empresarial e cultural. Estamos a falar da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se desenvolveu na Finca Montesqueiro (Oleiros) da man do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG). Durante o transcurso do evento, no que participaron arredor de 300 profesionais, entregáronse os Premios Galicia das Telecomunicacións. Recoñeceuse o labor de Rafael Moya Fernández, CTAG, Nova Pescanova e a aplicación Aperta. A Noite tamén serviu para que os telecos galegos fixeron unha proclama a prol dunha “meirande flexibilidade nos criterios que regulan a colexiación e o exercicio da profesión”.
Durante a XXIV Noite Galega das Telecomunicacións, o máximo responsábel de ambas as dúas entidades (COETG e AETG), Julio Sánchez Agrelo, demandou que se “flexibilicen” os criterios que regulan a colexiación e o exercicio da profesión: “Un dos nosos obxectivos é incrementar o número de colexiadas e colexiados, é necesario gañar masa crítica”, apostilou, engadindo que malia o devandito obxectivo, “cada vez son máis as alumnas e alumnos saídos das escolas de Telecomunicación que, tras rematar o grao, deciden non cursar un mestrado habilitante”. Este requisito, segundo precisou Sánchez Agrelo, é imprescindíbel na actualidade para que os novos titulados poidan colexiarse. “A nosa é unha das 14 profesión do noso país nas que é preciso posuír un mestrado habilitante, tanto para exercer como para poder colexiarse”, explicou, ao tempo que avogaba por mudar os criterios que definen os mestrados habilitantes, cuxos contidos académicos están, moitas veces, “moi lonxe da realidade do mercado”, o que desmotiva ao alumnado para o seu estudo. Neste sentido, Sánchez Agrelo ofreceu o labor intermediador do COETG “coa universidade e o eido empresarial” para fomentar “un cambio de modelo” e buscar “fórmulas efectivas” que permitan que o colectivo gañe masa crítica.
Amais do devandito, Julio Sánchez Agrelo reivindicou “o papel exercido polos enxeñeiros e enxeñeiras de Telecomunicación na evolución TIC experimentada nos últimos anos”. E dixo: “Sen a nosa contribución, non se podería falar de 4.400 millóns de persoas conectadas, a través de 25.000 millóns de dispositivos a esa gran rede de redes que é Internet”.

Premios Galicia da Telecomunicacións

A Noite Galega das Telecomunicacións, na que participou a directora da AMTEGA, Mar Pereira, foi tamén o marco elixido para a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019: unha convocatoria de galardóns que distingue o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e empresas.
O Premio Enxeñeiro do Ano 2019 recoñeceu a traxectoria de Rafael Moya Fernández, enxeñeiro de Telecomunicación cunha dilatada e fecunda traxectoria profesional en Galicia. Moya leva máis de 23 anos vinculado a Telefónica e actualmente é o director de Operacións da Zona Norte desta compañía. No seu discurso de agradecemento, Moya reivindicou a figura do enxeñeiro de Telecomunicación “para axudar a transformar e mellorar a calidade de vida das persoas” e puxo como exemplo a súa propia traxectoria profesional durante a cal colaborou coa sociedade “en momentos complicados para Galicia, como a catástrofe do Prestige, os incendios de 2006 e 2017 ou o accidente do Alvia”. E explicou: “Fomos moitos nestes acontecementos os que arrimamos o ombreiro para coordinar unha resposta conxunta e eficaz”, engadiu.
O Premio Socio de Honra, que recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que destaquen pola súa promoción das telecomunicacións na nosa Comunidade Autónoma, distinguiu o labor do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG). As xuntas directivas do COETG e a da AETG valoraron como razóns determinantes da concesión deste premio “a contribución de CTAG ao desenvolvemento das TIC e a súa implicación no sector, a través dos proxectos de vangarda que impulsa o centro como é o caso do proxecto do vehículo autónomo”.
O Premio Axians 2019 á Empresa Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación recoñeceu o labor de Nova Pescanova, “pola utilización das TIC na transformación do grupo para seguir sendo un referente a nivel mundial na captura, cultivo, produción e comercialización de produtos do mar en 80 países”.
Finalmente, o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), recaeu este ano no proxecto Aperta. Trátase dunha aplicación desenvolvida por un grupo de estudantes da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo cuxo obxectivo é axudar a combater a violencia e o acaso nos centros educativos. A aplicación foi deseñada en colaboración coa Fundación TEAVi, unha organización que inicialmente naceu para ofrecer apoio e resposta ás necesidades das persoas con trastornos do espectro autista de Vigo e que tenta mellorar a súa integración no ámbito social, escolar ou laboral.

Foto de familia da Noite Galega das Telecomunicacións

PUBLICIDADE