Radiohead tamén se opón ás medidas anti-descarga do Goberno británico

xoves, 10 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Primeiro foron Paul McCartney e Elton John, e agora vanse sumando cada vez máis voces, como por exemplo as dos integrantes de Radiohead (na imaxe) e Blur. Falamos da oposición ás medidas que está a preparar o Goberno británico para poñerlle freo á libre descarga de contidos en Internet, iniciativas oficiais que, casualmente, non están a ser recibidas por unha boa cantidade dos que, se facemos caso a certas entidades de xestión de dereitos, máis terían que protestar: os propios artistas. O feito ten súa importancia: cando unha coalición de músicos de primeira fila amosa publicamente a súa oposición a que se lles corte Internet ás persoas que descargan contidos, probablemente vaia sendo hora (de unha vez) de que as entidades, as grandes empresas do cinema e do audiovisual e as institucións públicas que seguen os seus ditados procuren novos xeitos de acción.
E as protestas non semellan ter fin: se os pasados días foron Elton John e McCartney (que declararon preferir un mundo onde a xente puidera escoitar a súa música antes que seguir protexéndoa a toda costa) os que alzaron a voz, hoxe foi a quenda de Ed O´Brien, guitarrista de Radiohead, quen declarou que este proceso vai dar comezo a unha guerra que as autoridades do país non van dar gañado.
Esta oposición (que non implica que non se protexan os seus produtos, pero si que se impida o acceso a quen queira gozar deles e non teña recursos de abondo como para facelo) foi resumida por O´Brien como un xeito de poñer de manifestou o absurdo da medida gobernamental, que ao seu xuízo non vai impedir, nin moito menos, o acceso libre a filmes e obras musicais protexidas. Por certo que a oposición, que xa conta co apoio de entidades como a Academia de Compositores Británicos e a Asociación de Produtores Musicais, ten un nome concreto: Featured Artists’’ Coalition (FAC).

PUBLICIDADE