Radio Nacional inicia as emisións en DAB+

martes, 13 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio e co ano do centenario da radio en España, Radio Nacional de España iniciou as súas emisións de radio dixital a través da tecnoloxía DAB+ coa intención de despregar este estándar de radio dixital por toda a xeografía española contando con que a longo prazo substitúa á radio FM.
Esta mañá realizouse o acendido simbólico das emisións en DAB+, nunha xornada informativa en Torrespaña, inaugurada pola directora do Gabinete da Presidencia de RTVE, Verónica Ollé Sesé, quen asegurou que adoptan esta tecnoloxía para axudar «a garantir a prestación deste servizo público de radio, con vocación de universalidade, en aberto, para todos e en todo lugar, sen exclusións».
O DAB+ supón un salto cualitativo relevante e supón a dixitalización real da distribución dos contidos lineais radiofónicos, xa que supón un cambio semellante á TDT para a televisión, ofrecendo maior robustez e estabilidade que a FM dentro da súa zona de cobertura, amosando tamén contidos enriquecidos sobre as emisións.
Polo momento só poden escoitarse en DAB+ as emisións de Radio Nacional e Radio 5 en Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Murcia e Bilbao, e as de Radio 3 en Valencia, Sevilla, Murcia e Bilbao. Cómpre sinalar que as emisións en DAB de Radio Nacional, Radio Clásica, Radio 3, Radio 5 e Radio Exterior xa estaban dispoñibles en Madrid e Barcelona.
Para recibir a radio en DAB e DAB+ é preciso contar cun receptor específico, que distan moito de ser tan populares como os receptores de radio FM, pero prevese que a súa implantación medrará rapidamente xa que dende o 21 de decembro de 2020 os vehículos comercializados na Unión Europea deben incluír de serie un receptor de radio dixital, polo que a longo prazo o estándar DAB+ terá unha implantación significativa nun dos lugares onde máis se escoita a radio: nos desprazamentos sobre rodas.

PUBLICIDADE