RIM combina pantalla táctil e teclado físico no novo BlackBerry Torch

martes, 3 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Ralph de la Vega de AT&T presentando o novo BlackBerry Torch

O lanzamento do iPhone 4 e a proliferación de terminais co sistema operativo Android levou a canadense RIM a reaccionar ampliando a súa oferta de terminais BlackBerry, de xeito que hoxe tivo lugar unha rolda de prensa na que presentaron conxuntamente con AT&T o novo BlackBerry Torch 9800, que combina unha pantalla táctil de 3,2 polgadas cunha resolución de 480 x 360 píxeles cun teclado físico deslizante, de xeito que combina dúas interfaces de uso para satisfacer a un amplo abano de usuarios.
A outra grande novidade do terminal está que funciona co novo sistema operativo BlackBerry OS 6 (centrado na xestión de redes sociais, cun novo navegador web baseado en WebKit, sistema de subscrición a canles RSS e xestor de podcasts), e tampouco fáltanlle Wi-Fi N, GPS, conectividade 3G, Bluetooth 2.1, cámara de 5 Mpíxeles (con enfoque automático, flash e gravación de vídeo), trackpad óptico (para movernos polos menús), procesador a 624 MHz, 512 Mbytes de RAM, 4 Gb de almacenamento interno, unhas medidas de 11,2 x 6 x 1,4 centímetros e un peso de 166 gramos.
Curiosamente estamos ante un terminal de gama media que non podemos comprar cos móbiles de moda, e polo momento sabemos que AT&T vai comercializalo a partir do 12 de agosto nos EE.UU. por 199 dólares cun compromiso de permanencia de 24 meses.

PUBLICIDADE