RIM anuncia unha caída de ingresos interanual do 43% e adía o lanzamento de BlackBerry 10

xoves, 28 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Hoxe é o día no que Research In Motion (RIM) tiña que render contas e publicar os seus resultados trimestrais, converténdose nunha das datas máis nefastas para a compañía, pois non só anunciou que no primeiro trimestre fiscal de 2013 (que rematou o pasado 2 de xuño) tivo unha caída de ingresos do 33% fronte ao trimestre anterior e do 43% fronte ao mesmo trimestre do ano fiscal anterior, senón que tamén anunciou que a agardada plataforma BlackBerry 10, anunciada como o salvavidas da compañía canadense, non chegará ata o primeiro trimestre de 2013, o que dá a entender que o vindeiro semestre da compañía vai ser aínda peor.
Ante esta situación RIM vai proceder ao despedimento de 5.000 traballadores, xunto con outros axustes para reducir os gastos ante esta impresionante redución do seu volume de negocio, que demostra a pouca velocidade de reacción que ten a empresa ante a evolución do seu sector e, posiblemente, que as repercusións da caída do seu servizo durante varios días do ano pasado prexudicou á empresa máis do que podía preverse.

PUBLICIDADE