R visualiza as revolucionarias posibilidades que abre a 5G para as empresas nun novo almorzo dixital

xoves, 25 de marzo do 2021 Redacción

Este 25 de marzo celebrouse un novo almorzo dixital de R. Nel, expertos da operadora avaliaron as claves da tecnoloxía 5G como dinamizadora do sector produtivo, como subministradora de grandes e importantes oportunidades para as empresas. Participaron Pedro Herbello, responsábel de Produto e Servizo de R e do Grupo Euskaltel, e Luis Ornosa, xerente de Carteira Grande Empresa de R e do Grupo. “A 5G cambiará a forma de facer moitas cousas e xerará unha nova industria”, asegurou no encontro virtual Luis Ornosa.
Na sesión online, á que se conectaron 120 profesionais e directivos do sector empresarial, repasouse o momento que vive esta tecnoloxía de última xeración en España e os desafíos que presenta a 5G, sobre todo no mundo da empresa, para beneficiarse ao máximo das súas inxentes posibilidades e vantaxes.
Pedro Herbello asegurou durante a súa charla que 5G suporá “o nacemento dun novo ecosistema tecnolóxico e unha nova forma de traballar, a medida que xurdan dispositivos e tecnoloxías arredor do sistema: veremos emerxer novos negocios na medida en que se combine con aplicacións de Internet das Cousas (IoT) e en que sexamos quen de sensorizar calquera elemento a un custo moi baixo”. Como exemplo, Herbello particularizou durante o almorzo dixital na agricultura, “sector onde, pola súa extensión, é difícil aplicar outra tecnoloxía, e no que veremos aparecer máquinas que serán capaces de facer moitas tarefas autonomamente ou incorporar sensores de todo tipo para industrializar colleitas. Cando isto ocorra, un empresario-agricultor tradicional terá que adaptarse se quere competir con outro que utilice procesos industriais”.
O responsábel de Produto e Servizo de R continuou explicando que “na industria, os procesos requiren fiabilidade e tempo real: non se entendería, así, que á hora de controlar un guindastre, este non respondese ou o fixese tarde, porque podería ocasionar un accidente. A tecnoloxía que aplica 5G garante unha alta fiabilidade en contornas industriais e unha baixa latencia moi por riba dunha rede Wi-Fi, o que permitirá que aínda en contornas privadas se poida impor para controlar eses procesos”.
Millóns de dispositivos e usos en mobilidade
Pola súa banda, Luis Ornosa incidiu en que “as novas redes 5G terán capacidade para conectar millóns de dispositivos (1 millón por Km2 fronte aos 3.200 actuais), xusto nun momento en que as redes cada vez están máis saturadas a medida que aparecen novos dispositivos que se conectan a elas”.
Coa tecnoloxía de 5G aprovéitanse mellor as canles existentes e a comunicación por posicionamento do usuario. As mínimas latencias de 5G permiten utilizar esta tecnoloxía para sistemas en tempo real, onde agora sería impensábel usar as redes móbiles, como os sistemas de condución autónoma, telemedicina, ou industria 4.0.
A nivel particular tamén se lograrán moitas melloras, explica Ornosa: “Trataríase dunha extensión en mobilidade dos usos que xa realizamos coa fibra óptica pero sen estar atados a ela; por exemplo, sistemas baseados en streaming, como as plataformas de xogos en cloud (Hutch, Stadia...) na rúa ou nun coche, ou o uso de plataformas de almacenamento masivo con ubicuidade para que as cámaras de fotos ou vídeo, ou mesmo os móbiles non utilicen unha memoria senón que consuman directamente da Rede”.

PUBLICIDADE