R, recoñecida como líder estatal en telefonía fixa e acceso a Internet

xoves, 6 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

A operadora de raizame galega R vén de comezar o ano cun relevante recoñecemento: as boas cualificacións concedidas polos consumidores de produtos de telefonía fixa e acceso a Internet que participaron no estudo ISCX (Índice Stiga de Experiencia de Cliente) de 2019, no que lle outorgan á compañía con base de operacións na Coruña unha puntuación de 23,1%, por diante doutros operadores de telecomunicacións, situándose como a firma mellor valorada pola cidadanía no seu segmento.
Para o estudo, que a consultora Stiga realiza desde hai 15 anos, obtivéronse máis de 28.000 opinións ao longo do ano pasado, e utilizouse unha mostra aleatoria de consumidores. Os criterios de valoración deste índice son os mesmos para todas as empresas e sectores e utilízase unha escala de 0 a 10 puntos. Para obter o indicador ISCX contémplase no cálculo a satisfacción co servizo, a intención de continuidade futura e a intención de recomendación. Ademais, identifícanse as mellores prácticas e a percepción que os clientes teñen dos servizos que reciben tras responder a outras cuestións fundamentais sobre a imaxe de marca ou os prezos. De todo iso extráense as porcentaxes de clientes “moi satisfeitos”, “moi fieis” e con “total intención de recomendar”.
Os traballos realizados sobre a base de 2019 guindan un panorama moi alentador para R, xa que a operadora de orixe galega pasou a formar parte do grupo de 13 empresas mellor situadas de España, de entre as 200 que integran a clasificación anual de líderes sectoriais, analizados por Stiga. Deste xeito, R comparte espazo con Amazon, Uber, Mercadona, Netflix, Mercedes Benz ou Repsol.

PUBLICIDADE