R pechará 2021 con máis de 4.600 inmóbeis da Pobra do Caramiñal con cobertura da súa fibra

martes, 21 de setembro do 2021 S. P.

A operadora R fixo balance dos traballos despregados no concello da Pobra do Caramiñal para dotar aos fogares e empresas do municipio de fibra óptica e cobertura de redes de nova xeración (por exemplo a televisión dixital multicanle de R), con capacidade para achegar 500 Mbps simétricos e outros servizos avanzados. Segundo fai saber a compañía, os habitantes dos núcleos de Agros Atalaia e Mirandela xa dispoñen de accesos ultrarrápidos a Internet: en concreto, 124 novos fogares e negocios dos devanditos núcleos.
R explicou que ao peche de 2021 “estariamos a falar da incorporación de 1.300 novas residencias particulares e empresas ás redes de última xeración do operador galego só no marco do Plan Avanza”.
Se ao devandito sumamos o acadado a través das “despregaduras realizadas ao longo dos últimos anos na Pobra do Caramiñal”, o concello situaríase nos 4.601 inmóbeis conectados até a data.
Esta e outras actuacións de extensión de rede na provincia da Coruña forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxesen de alta velocidade ata ese momento (as denominadas “zonas brancas”).

PUBLICIDADE