R pecha 2011 gañando clientes e apostando pola televisión e o móbil

mércores, 28 de decembro do 2011 Marcus Fernández

O conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, presentou esta mañá os resultados de actividade económica e comercial da súa compañía en 2011, facendo un percorrido polos principais fitos que o operador galego marcou neste exercicio, como o feito de acadar os 275.000 clientes, o que supón un incremento do 20,8% dende comezo de 2008, o que confirma a boa aceptación que ten a oferta combinada de R entre fogares e empresas de Galicia.
R conseguiu captar 13.000 novos clientes á súa rede de fibra óptica durante 2001, e tamén conseguiu 28.000 novas liñas móbiles, resultados que teñen especial relevancia na conxuntura económica actual, na que familias e empresas están a controlar os seus gastos, o que non impediu que o operador medrase un 3% en ingresos (237 millóns de euros en total) e nun 5,8% no EBITDA (pechando o ano con 110 millóns de euros de resultado operativo).

Arturo Dopico manifestou a súa satisfacción pola confianza que depositan os usuarios na súa compañía

Actualmente R está presente a través da súa rede de fibra óptica en 84 localidades galegas, asegurando Dopico que durante 2012 pretenden continuar o seu espallamento territorial que permítelles dar servizo xa a 840.000 fogares e locais empresariais, que na meirande parte dos casos (un 93%) contan coa posibilidade de contratar servizos avanzados como o acceso á Rede a 100 Mbps, implantación que segundo a compañía non consegue ningún dos seus competidores.
O acceso á Internet a alta velocidade continúa a ser un dos servizos estrela da compañía, tanto pola súa calidade (garanten o 80% da velocidade contratada) como pola súas prestacións, conseguindo que o 79,6% dos clientes particulares da compañía contraten este servizo, o que supera sobradamente ao 46,5% de penetración da Rede en Galicia segundo datos do INE.

Os clientes de R poderán acceder a partir de febreiro dun servizo de vídeo baixo demanda

A televisión dixital multicanle tamén é un atractivo da oferta de R que convence a máis do 46% dos clientes particulares do operador galego, e que vai mellorar considerablemente durante 2012, asegurando Arturo Dopico que en febreiro será posible acceder dende o mesmo a unha plataforma de vídeo baixo demanda que contará cunha serie de contidos á carta e coa posibilidade de acceder a boa parte da oferta televisiva dos pasados 7 días en calquera momento, liberando ao usuario das grellas horarias. Este servizo avanzado, que xa está en probas, estará dispoñible para todos os clientes de R no mes de febreiro, aínda que non será o único cambio neste eido, pois xa no mes de maio estiman que terán dispoñible o salto á alta definición, no que suporá unha mellora substancial con respecto a outras ofertas televisivas, pois en vez de achegar unha alta definición a compresións de 6 ou 8 Mbps como a actual oferta a través da TDT e de satélite, optarán por un sinal a 25 Mbps, polo que a calidade sería comparable á das películas en discos Blu-ray, o que agradecerán posuidores dun televisor de grande tamaño, pois poderán por fin aproveitalo cunha boa oferta de contidos.
O servizo de telefonía fixa de R continúa a ser o favorito dos galegos, e dende a compañía destacan que agora xa é posible recibir este servizo dende calquera punto da nosa comunidade (incluíndo vilas ás que non chega a súa rede de fibra óptica), aínda que no ámbito da telefonía móbil é no que máis están a avanza, con case 118.000 liñas contratadas nos só 4 anos que levan ofrecendo tal servizo, e sendo un dos operadores móbiles líderes no estado na recepción de portabilidades. Amais, a aposta móbil de R non fixo máis que comezar, pois este ano optaron a dúas poxas do espectro radioeléctrico, polo que no futuro poderán espallar as súas propias redes móbiles de nova xeración (o que resulta especialmente atractivo para a banda larga móbil).

Dopico destacou que o 60% das empresas onde R conta con rede propia confían no operador galego de telecomunicacións

No eido empresarial R tamén conseguiu mellorar a súa presenza, con preto de 65.000 compañías que confiaron as súas comunicacións ao operador galego. Para este tipo de clientes estrearon unha nova oferta converxente baixo o nome de despreocupín, da que apenas existen equivalencias noutras compañías de telecomunicacións, como exemplo da innovación e da adaptación ás necesidades de mercado desta compañía que sabe manterse próxima aos usuarios, como demostra a satisfacción que manifestan frecuentemente nos distintos estudos de asociacións de consumidores.
Dopico tamén quixo destacar na presentación dos resultados de R que a compañía supón un importante activo para Galicia, xa que procuran traballar con empresas galegas (en 2011 contratou servizos na nosa comunidade por importe duns 70 millóns de euros) e contribúen a pechar a fenda dixital coas súas infraestruturas e a través dunha liña de axudas para a contratación do acceso á Internet dende o fogar por parte de familias con poucos recursos (grazas á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica).

PUBLICIDADE