R padece unha incidencia nun dos seus datacenters durante boa parte da mañá

martes, 28 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Durante a pasada madrugada (no contorno das 3:00 horas), e até preto das 11:30 horas, o datacenter de R empregado para ofrecer housing a numerosas compañías padeceu unha seria incidencia técnica que como consecuencia impediu que varias compañías galegas puidesen realizar as súas actividades ao longo da mañá, o que puido visibilizarse especialmente a través de Evalice, compañía luguesa que ofrece hospedaxe web e outros servizos na nube.
Evalice recoñece abertamente ter os seus servidores no datacenter de R, asegurando que as instalacións contan con redundancia N+2 de conectividade, climatización, enerxía e con políticas de mantemento que non interfiran na continuidade da infraestrutura, o que semella que non foi dabondo para que unha actualización frustrada nos conmutadores de rede (switches) provocase que o centro de datos carecese de conectividade, deixando a moitos clientes directos e indirectos sen servizo.
Durante a incidencia o malestar dos usuarios era notable, e semella que a información sobre as causas da incidencia e a previsión do tempo en solucionala non foron satisfactorios, sendo bastante decepcionante que un fallo nunha actualización dun elemento de rede provoque unha incidencia dunhas 8 horas, ocasionando graves prexuízos aos afectados.

Imaxe publicada por un cliente de Evalice na que vemos que a compañía luguesa tivo que optar polas redes sociais para ter informados aos seus clientes durante a incidencia

ACTUALIZACIÓN (29-8-2018): Parece ser que a incidencia rexistrada nos sistemas de R tivo consecuencias serias, xa que afectou ás comunicacións das que dependen as farmacias galegas, de xeito que durante varias horas non puideron dispensar medicamentos receitados polos doutores do SERGAS.

PUBLICIDADE