R leva a súa fibra a 342 fogares e negocios de Abegondo

mércores, 27 de abril do 2022 S. P.

A operadora de telecomunicacións de orixe galega R vén de achegar a súa renovada rede de fibra óptica de última xeración no municipio coruñés de Abegondo. Máis polo miúdo, os núcleos que se viron beneficiados foron: Cerneda, A Igrexa, Ferrería, Monte, Penedo, Vilar, Trasigrexa e Orto de Arriba, co que os habitantes destas zonas xa poden dispor de accesos ultrarrápidos á Internet de até 10 Gbps simétricos, Wi-Fi 6 e tele con deco Android 4K sen ningún custo adicional.
Cando se complete a despregadura de rede neste concello da contorna coruñesa, Abegondo contará, só en virtude do programa do Ministerio, con máis de 900 residencias e empresas conectadas ás redes de nova xeración do operador galego, e preparadas para recibir os servizos de telecomunicacións máis innovadores.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de A Coruña forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispoñían de alta velocidade até o momento (zonas brancas).
No desenvolvemento dos tres plans investirase un total de 10 millóns de euros, dos cales preto de 8 millóns de euros son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras de Abegondo enmárcanse no proxecto encamiñado á extensión de redes de nova xeración en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo).
Na actualidade, só no marco do Plan Avanza, R chegou por primeira vez coas súas redes de nova xeración a núcleos de poboación das catro provincias galegas que nunca dispuxeran de alta velocidade nos concellos do Rosal, Monterroso, Palas de Rei, Boqueixón, Porto do Son, Curtis, Cuntis, Meaño, Mos, Pobra de Trives, Petín, Barreiros, Lourenzá, Ortigueira, Cariño, Camariñas, Muros, Cerceda, Antas de Ulla, Moraña, Guitiriz, Tomiño, Abegondo, Ribadumia, Combarro, Muxía, Valga, Vilaboa e Ponte Caldelas.
Por último, sinalan dende R que así que se vaia despregando a nova rede, os clientes de R son avisados e informados dos pasos que deben seguir para cambiar os seus equipos por outros de nova xeración totalmente de balde.

PUBLICIDADE