R inicia o apagamento analóxico televisivo de seu

luns, 10 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Hai 6 anos a televisión analóxica dixo adeus en Galicia, polo que para continuar a empregar os vellos televisores analóxicos era preciso adquirir un sintonizador de TDT agás no caso dos clientes de R, xa que a compañía mantiña os sinais analóxicos para comunidade dos seus usuarios, pero esta prestación de graza está a comezar a dicir adeus, de xeito que van emprender agora o seu apagamento analóxico, comezando esta semana en Lugo. Durante a semana do 24 de outubro serán A Coruña e Santiago onde cesarán as emisións televisivas en analóxico; en Vigo a semana do 7 de novembro; e en Ourense a semana do 21 de novembro.
Con esta operación R realiza axustes para preparar o seu servizo para cambios futuros, con mellores conexións e unha renovada oferta televisiva que ten que adaptarse as tecnoloxías actuais. Así non só realizarán o apagamento analóxico, senón que tamén mudarán a frecuencia de emisión de varias canles da TDT, concretamente as que corresponden ao ámbito local. Teñen así previsto que Correo TV, Santiago TV e Radio Obradoiro muden de frecuencia en Santiago a semana do 31 de outubro; Localia Vigo e Cadena SER Vigo mudarían de frecuencia en Vigo a semana do 7 de novembro; en Ourense o cambio chegaría na semana do 21 de novembro e afectaría a Localia Auria TV e Telemiño; e, finalmente, en Lugo a semana do 28 de novembro Telelugo pasaría a recibirse a través doutra frecuencia. Os usuarios que reciban a TDT a través de R só terán que volver a explorar a frecuencia de 586 MHz para recibir as canles locais tras o cambio anunciado.
Para os clientes que teñen sintonizadas as canles xeralistas, autonómicas e algunha internacional a través de DVB-C tamén haberá un cambio de frecuencia na semana do 7 de novembro, cando Cuatro, Telecinco, Divinity, FDF e esRadio pasarán á frecuencia de 434 MHz, aplicándose o cambio a toda Galicia de vez.
En calquera caso, os usuarios que reciban o sinal televisivo de R a través de descodificador non terán que facer nada para continuar a gozar do servzio con normalidade.

PUBLICIDADE