R incrementa os domicilios e empresas de Gondomar que contan coa súa fibra óptica

venres, 18 de decembro do 2020 Redacción

A operadora R vén de incrementar a cantidade fogares e negocios de Gondomar con posibilidade de a conectarse á súa fibra óptica FTTH (tecnoloxía de fibra até o fogar). O núcleo de Cotro, no termo municipal pontevedrés, xa dispón de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 500 Mbps e pode desfrutar doutros servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de nova xeración de R. O despregue destes equipamentos levouse a cabo “aproveitando ao máximo as infraestruturas desta localidade de Gondomar”, segundo fixo saber a compañía.
Deste xeito, arredor de 125 novos fogares e negocios do dito núcleo ficaron preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R. A esta cantidade sumaránselle no concello outros 445 inmóbeis que se incorporarán ao longo de decembro, co que a peche de ano haberá, ao abeiro do Plan Avanza, 570 residencias particulares e empresas conectadas a estas redes avanzadas nos núcleos de Picouso, Gulfar, Guillufe, Batizosa, Viño, A Iglesia, San Roque, A Avelosa, Regodagua, Pintor, O Pedrouco, A Mourisca, Loureiro, O Fouco, Paraboa, Aspera, Piquetes e Seidóns.
Cando remate o plan, en 2021, esta cifra será de 2.000 fogares e negocios conectados.
O operador galego leva anos investindo no fornecemento de rede en Gondomar, onde a día de hoxe xa dispoñen da cobertura das redes de nova xeración de R (dende o ano pasado e no marco dun proxecto anterior do Plan Avanza adxudicado á compañía galega) 1.713 fogares e empresas deste municipio da provincia de Pontevedra.
Este e outros despregues na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar, antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxeran de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, o despregamento de Gondomar encádrase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 196 núcleos de municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). Os fornecementos tecnolóxicos nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€, cunha subvención dos fondos FEDER de máis de 3M€.

PUBLICIDADE