R estrea aplicación móbil para acceder a parte dos seus contidos televisivos

mércores, 2 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Dende hai tempo R tiña funcionando en probas un servizo de televisión vía web, para que os seus clientes puidesen gozar dalgúns dos seus contidos audiovisuais contratados cando non estean preto do seu televisor, dende ordenadores e dispositivos móbiles, pero hoxe dan conta do seu salto a un servizo fóra de probas chamado tv comigo, que bota a andar con 28 canles e algúns contidos de rebobina (intentando reproducir o actual deseño do receptor de televisión de R).
Dende equipos informáticos poderase acceder a tv comigo a través do navegador web Chrome (agardando a súa adaptación a outros navegadores no futuro), mentres que os dispositivos con Android 4.3 ou superior poderán gozar dunha aplicación móbil dispoñible en Google Play. No caso de smartphones ou tabletas con iOS 8.0 ou superior será preciso agardar ao lanzamento da aplicación que xa se atopa en desenvolvemento.
Cada cliente poderá activar o servizo en até 5 dispositivos como máximo e dende R xa advirten que o, para respectar as esixencias dos provedores dos contidos, non será posible gozar do servizo audiovisual nin en dispositivo con root nin a través de Chromecast ou AirPlay.

O servizo de rebobina tamén está dispoñible na nova aplicación, emulando o menú dos receptores de alta definición de R aos que os usuarios están afeitos
En tv comigo os contidos poden explorarse de distinto xeito, entre os que destaca unha grella de programación

PUBLICIDADE