R entrega no FICBueu dous galardóns aos directores Eloy Domínguez e Lois Patiño

luns, 19 de setembro do 2022 S. P.

Finalmente entregáronse este domingo os premios do certame de curtametraxes FICBueu, que chegou á súa 15ª edición contando novamente coa colaboración da operadora de telecomunicacións R, que entregou dous galardóns: un a Rompente (Eloy Domínguez) e outra a El sembrador de estrellas (Lois Patiño). No palmarés, a curtametraxe francesa L’enfant salamandre de Théo Degen foi escollida como a peza gañadora da sección oficial, levándose o primeiro premio e unha contía económica de 2.000 euros. O concelleiro de Cultura de Bueu, Xosé Leal, foi o encargado de entregar o galardón. A curta conta a historia de Florian, un neno que aos 15 anos pensa que se pode comunicar cos mortos a través do lume.
O segundo premio dotado dunha cantidade de 1.000 euros foi para a curtametraxe romanesa Interfon 15 de Andrei Epure, facendo a entrega da condecoración a deputada de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias. Trata sobre varias persoas que
descobren a unha muller inconsciente tirada fronte ao seu bloque.
María Ruíz-Falcó e Nerea Lores, en representación do FICBueu, foron as encargadas de introducir o premio do público, que nesta ocasión recaeu sobre a produción neerlandesa Vlekkeloos de Emma Branderhorst.
Por outra banda, o premio Galicia R á mellor obra galega foi comunicado por Pepe Coira, membro do xurado nacional, quen deu paso ao director da compañía R, Alfredo Ramos, encargado de facer a entrega. Nesta edición houbo dúas pezas gañadoras ex aequo, Rompente de Eloy Domínguez Serén e El sembrador de estrellas de Lois Patiño. Os dous recoñecementos, tanto o do Público como o Galicia R, contan cunha dotación económica de 500 euros.
Pepe Coira tamén foi o membro do xurado que revelou e deu o galardón á mellor curta española, cunha recompensa de 500 euros, que recaeu en Alopècia Androgènica de Salvador Sunyer, con mención especial para Harta de Júlia de Paz. Na mesma liña, Helena Girón como parte do Xurado Descubertas foi quen desvelou o nome do filme gañador na mesma categoría, outorgado a Stéphanie Lagarde por Minimal sway while starting my way up e que recibiu a mesma cantidade económica que nos casos anteriores.
Para rematar, no acto tamén se entregou o Premio Cinema Galego 2022 a Miguel de Lira.

PUBLICIDADE