R engade os polígonos de Santa Comba e Rianxo á listaxe de complexos galegos con redes ultrarrápidas

xoves, 22 de xuño do 2017 Redacción

O Polígono de Rianxo nunha vista aérea coa Autovía do Barbanza ao fondo

A operadora R vén de incorporar dous novos parques empresariais á súa listaxe de complexos da nosa terra equipados xa coas súas redes ultrarrápidas de conexión (26 a día de hoxe), redes de última xeración que, segundo lembra a compañía de raizame galega, permitirán ás empresas acadar “megavelocidades” de 350 Mpbs. Os dous novos parques acabados de incorporar son os de Santa Comba e o de Rianxo. Este labor estase levando a cabo ao abeiro do Plan de Banda Larga Xunta que impulsa AMTEGA. Segundo lembran R e máis a axencia que dirixe Mar Pereira, os novos equipamentos van facer posíbel que as empresas tiren o máximo proveito de diversos servizos tecnolóxicos de valor engadido. Por exemplo as ferramentas na nube, a videoconferencia ou a análise de Big Data.
Como dixemos, amais destes polígonos, a peche do ano pasado ficaron tamén conectados a estas redes ultrarrápidas outros 6 parques empresariais da provincia da Coruña e prevese que ao remate de 2017 sexan un total de 19 os recintos preparados para recibir os servizos de última xeración do operador galego. Proseguindo co plan, outros 7 polígonos coruñeses conectaranse á rede de R en 2018.
Unha das principais vantaxes postas en xogo por estas actuacións reside en que as empresas destas superficies empresariais poden contratar servizos de Internet por fibra óptica con velocidades de até 350 Mbps de baixada e 35 de suba e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas. En palabras de R, “os accesos ultrarrápidos á rede representan un paso substancial para as empresas galegas á hora de competir en mercados de dentro e fóra de Galicia”.
Ao devandito cómpre engadir o seguinte: a compañía galega, integrada no Grupo Euskaltel, está a poñer a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que “poidan acometer a súa transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
Como lembraremos, o operador galego R é o adxudicatario da primeira actuación do Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia, impulsado pola AMTEGA para dotar de acceso á Internet ultrarrápida a 81 polígonos da Comunidade que a día de hoxe non dispoñen destes servizos. Arestora, 26 deses 81 recintos empresariais das catro provincias galegas incluídos no Plan están conectados á rede de R e, segundo as previsións, outros 21 farano ao longo de 2017 e 34 máis en 2018.
“Deste xeito”, explican R e AMTEGA, “en dous anos un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada en Galicia, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mbps”. O resto cubriranse nas seguintes actuacións programadas no Plan.
Estes despregues supoñen un investimento total de 5,2 millóns de euros, dos que 3,4 son subvencionados pola AMTEGA e cofinanciados ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

PUBLICIDADE