R e Cinfo impulsan un proxecto para calibrar a rede de fibra da operadora con tecnoloxías cuánticas

mércores, 20 de decembro do 2023 S. P.

A operadora galega R desenvolveu co empresa Cinfo, tamén galega, un proxecto para estudar a resiliencia da súa rede de fibra óptica con algoritmos baseados en computación cuántica. Segundo explican, a análise cuántica permite deseñar un modelo que calibra a robustez da rede troncal de R para reforzar puntos críticos e mellorar aínda máis a calidade do servizo. O algoritmo executouse en dous computadores cuánticos de diferentes tecnoloxías e sobre 180 e 66 cubits (bits con información cuántica) respectivamente.
O obxectivo é “desenvolver estes algoritmos ao máximo antes de 2025 para que poidan analizar a rede troncal de R e de todo o Grupo Masmovil a medida que a infraestrutura cuántica medra e é capaz de soportar problemas máis graves”, explicaron fontes de R, engadindo que a información xerada será un coñecemento moi relevante que permitirá á empresa adiantarse á resolución de incidencias, conseguindo desta maneira un índice máximo de dispoñibilidade da rede e de excelencia do servizo.
Puntos de mellora sobre un caso real
R explica tamén que a topoloxía dunha infraestrutura de rede avanzada de fibra como a da empresa da Coruña esixe “un estudo pormenorizado da conectividade dos seus nodos e puntos estratéxicos que facilite un balance da súa fortaleza”. Por iso, o de R converteuse para Cinfo en caso de uso no que, executando algoritmos ou modelos a través de computadores cuánticos, poden detectarse puntos de mellora da rede e extraer conclusións para actuar e perfeccionala.
Como dixemos, os computadores cuánticos onde se probaron os algoritmos dispoñen de 180 e 66 cubits (bits cuánticos) respectivamente. A medida que os ordenadores cuánticos adquiran máis capacidade poderán incorporarse máis variábeis e de maior complexidade no estudo algorítmico, polo que o percorrido do proxecto de Cinfo, en colaboración co seu socio experto en solucións cuánticas Kipu Quantum, queda aberto a esas melloras máis que predicíbeis da tecnoloxía cuántica. “Espérase que en 2025 estes supercomputadores xa sexan quen de procesar o algoritmo para unha rede complexa como a troncal de R”, sinala a operadora, lembrando que o obxectivo actual é “desenvolver estes algoritmos ao máximo antes de 2025”.

PUBLICIDADE