R desenvolve no Barco unha simulación de emerxencia

mércores, 15 de xuño do 2011 Redacción

A compañía galega R, centrada na achega de acceso ás redes de alta velocidade a través de cable, está a desenvolver este mércores no Barco de Valdeorras unha xornada de simulacro para un eventual caso de incidencia técnica. A actividade, máis polo miúdo e segundo se informa en Galicia Hoxe, céntrase na localización e na solución virtual dun problema no nodo comarcal emprazado na Avenida de Galicia do Barco. Os nodos, segundo conta R, representan puntos técnicos estratéxicos dende onde se fai chegar o sinal de fibra óptica.
As tarefas despregadas hoxe forman parte da estratexia de mellora e optimización do mantemento dos devanditos puntos por parte da empresa galega. Cómpre sinalar que a xornada prevista para O Barco non é nova, e que hai que engadila ás desenvolvidas previamente en Foz e máis en Santiago. Nas tarefas de hoxe está previsto que participen dúas ducias de técnicos da compañía galega, que levarán a cabo operacións de mantemento presenciais ou a distancia, encamiñadas a pórlle solución á hipotética incidencia. Segundo se engade, a simulación non repercutirá no servizo que R lles achega aos seus clientes na localidade ourensá.

PUBLICIDADE