R convértese en aceleradora de proxectos de emprendemento dixital
martes, 27 de novembro do 2018
A
operador R presentou hoxe unha iniciativa para dar azos ás novas
iniciativas de contidos dixitais: unha palestra para xerar emprego,
fomentar o emprendemento, impulsar a innovación TIC galega e dar
forma a mellores produtos e servizos. Estes
son os grandes obxectivos da aceleradora Startups DiCo Challenge, que
se vai desenvolver ao abeiro do programa DiCo Mindset da axencia
autonómica AMTEGA, colaboradora do proxecto. A idea é que R
sexa aceleradora, acubillo, lanzadeira, academia formativa e mesmo
beneficiaria das achegas innovadoras. Buscarase, de feito, facer
rendíbeis as propostas que xurdan de DiCo Challenge e atoparlles
unha saída áxil e eficaz ao mercado, “mesmo con R como primeiro
cliente”.
Segundo
fixeron saber hoxe na Coruña R e máis AMTEGA, que presentaron a
iniciativa en PALEXCO, o programa comezará co lanzamento de 5 retos
tecnolóxicos, un deles patrocinado pola Televisión de Galicia (TVG), que nos vindeiros días poderanse consultar na
web da aceleradora. Previamente, un comité de avaliación
seleccionará 20 candidatos do total de participantes que se
presenten, e nunha segunda fase elixiranse os 5 proxectos
definitivos.
Alfredo
Ramos, director xeral de R salientou que o reto ao que se enfronta a
operadora con esta palestra de innovación é “canalizar o talento
e os proxectos innovadores, fomentar o emprendemento e que o sector
poida aproveitar todo ese potencial para mellorar os seus produtos e
servizos”.
Pola
súa banda, Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia, salientou a importancia desta iniciativa do
programa DiCo Mindset da Xunta, “coa que se procura primeiramente
xerar emprego no sector, animar a emprededores e potenciar a
innovación tecnolóxica en Galicia para fornecer un mercado en alza
e competir a todos os niveis dentro e fóra da comunidade”.
Entre
as temáticas de retos e proxectos, o abano de ámbitos de actuación
será amplo. Na folla de ruta contémplase a inclusión de
iniciativas de gaming, publicidade e mercadotecnia, novos
contidos e experiencias, formación innovadora, realidade virtual e
aumentada, modelos de negocio, Internet das Cousas (IoT) e
Intelixencia Artificial (IA), contidos sociais, apps Android,
seguridade e propiedade, contidos enriquecidos, distribución,
audiovisual... etc.
Os
proxectos que sexan finalmente elixidos para ser acelerados serán
obxecto de sesións formativas a desenvolver durante varios meses.
Ademais contarán con cadanseu mentor e coa axuda económica da
AMTEGA para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos
proxectos. Amais, os 5 retos seleccionados no programa Start Ups
R_DiCo Challenge, que poderán utilizar o espazo Startups R
habilitado na Cidade da Cultura, traballarán man a man coa operadora
de cable galega e terán acceso á súa infraestrutura e modelo de
negocio, recibindo adestramento permanente dos mentores e titores de
R e beneficiándose do uso das instalacións e a visibilidade
derivada de camiñar a carón da compañía de cable durante este
tempo.