R constata que as plataformas de streaming chegaron ter subas do 90% no confinamento

luns, 15 de febreiro do 2021 S. P.

A operadora R achegou este luns 15 un balance sobre a actividade da comunidade de usuarias e usuarios dos seus servizos durante a pandemia, poñendo o foco nos hábitos xerados e impulsados pola mesma. Segundo fai saber, este ano de crise sanitaria influíu, e moito, nos hábitos de consumo de servizos de telecomunicación da cidadanía galega: “En 2020 as persoas pasaron máis tempo ca nunca nos seus fogares, xa sexa polo confinamento, o peche de centros educativos, o teletraballo ou as distintas fases de restrición á mobilidade”, sinala R no comunicando, engadindo que todos estes feitos converteron a televisión “na ferramenta de lecer e entretemento por excelencia”. En termos concretos, até 70 % dos seus clientes/as consumiron servizos de televisión avanzados este ano.
Ademais, o tempo que empregaron para visualizar contidos pasou de menos de 3 horas na etapa previa á pandemia a máis de 5 a partir de marzo do ano pasado.
En canto aos contidos, os dedicados ás/aos máis pequenas/os e aqueles que se desfrutan baixo demanda son os que máis creceron, estes últimos ata case o 60 %.
R lembra que a demanda foi liderada polas plataformas dixitais de pagamento, “con incrementos do tráfico que chegaron a rozar o 90 % con respecto á etapa previa ao confinamento”.
A operadora tamén fai saber que é presumíbel que estes e outros datos se repitan en 2020 ou mesmo vaian a máis, “xa que as primeiras cifras de 2021 mostran que o tráfico medio das plataformas dixitais de pagamento en xaneiro está case nun 35 % por riba do rexistrado no conxunto de 2020”.
R tamén constatou un aumento dos tráficos en todos os servizos. Así, Facebook tamén destaca entre os servizos preferidos polas galegas e os galegos. Durante o confinamento, o seu tráfico diario medrou ata un 46 %, “acadando picos superiores ao 50 % no Nadal”. Ademais os primeiros datos de 2021 apuntan a un mantemento desta boa tendencia, “xa que no primeiro mes do ano, o tráfico da dita rede social chegou a ser ata un 36 % superior ao do conxunto de 2020”.
En canto á telefonía, o uso tanto da móbil como da fixa duplicouse, cun incremento non só do número de chamadas, senón tamén da súa duración. Destaca o aumento significativo do 300 % no uso de WhatsApp e, especialmente, do seu servizo de vídeo-chamadas.
R engade que as necesidades de conectividade tamén supuxeron un aumento do tráfico Internet, que experimentou novos picos de uso pola mañá relacionados teletraballo e a asistencia a clases de xeito telemático. E así, o pasado mes decembro rexistrouse o maior pico de acceso de banda larga da historia, aumento do 82 % con respecto ao período anterior ao confinamento.

PUBLICIDADE