R consegue xa máis beneficios ca perdas

mércores, 29 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

O operador galego R, recentemente mercado nun 70% por CVC Capital, vén de facer reconto do acadado ao longo do ano de remata ao tempo que anuncia as previsións do que comeza. Sobre 2010, a empresa sostén que as cifras son máis que boas: conseguiu uns beneficios de 31 millóns de euros, un 25% máis có ano pasado. Arturo Dopico, o conselleiro delegado da empresa galega, presentou estes e outros datos corporativos en rolda de prensa, nunha cita cos medios na que salientou que por vez primeira as persas foron menores cós beneficios. Sobre as iniciativas vindeiras, Dopico fixo saber que a empresa de telecomunicacións investirá uns 70 millóns de euros en Galicia, chegando a unha cifra total de investimento galego que rolda os 790 millóns de euros dende a súa posta en marcha.
Sobre a recente compra dun 70% de R, Dopico comentou que no non significou ren para a actividade cotiá da firma. A aposta pola terra na que segue a estar emprazada, dixo, segue a ser firme, e mesmo pode verse beneficiada de fluxo estranxeiro de cartos e financiamento. Polo que atinxe a unha hipotética saída a Bolsa, o conselleiro delegado de R descarta esa opción polo de agora, aínda que non lle pecha as portas a unha saída nun prazo de varios anos. Todo dependerá, dixo, do “desinvestimento de CVC na firma galega, posto que esta non estará en R de xeito permanente”. Acerca das accións de mercado a desenvolve en breve, sinalar que no eido dos clientes-empresas R ofertará chamadas de balde dende fixos a móbiles e porá en xogo un servizo de internet a 15 euros e 100 megas. O obxectivo non é outro que gañar clientes entre as compañías da nosa terra, un eido de actividade que lle subministra máis dun terzo dos beneficios.

PUBLICIDADE